Pasar al contenido principal

Presentada a Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia

Público asistente ao acto de presentación da Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia
Público asistente ao acto de presentación da Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia
Segundo os seus promotores, este traballo signifícase como unha das iniciativas de recuperación da memoria da represión e do franquismo "máis completas no conxunto do Estado"

O programa de investigación ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’ presentou este mércores 29 a Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia nun acto celebrado no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC.
Con esta presentación dáse a coñecer parte do traballo desenvolvido polo equipo de investigación, integrado por investigadores das tres universidades galegas, nos últimos anos referente ao estudo das vítimas da represión franquista entre 1936 e 1939. Apuntan os seus promotores que a base de datos “dista de ser definitiva, nin polo número, nin polo tempo que durou a represión da ditadura, nin polas formas que esta adquiriu”, e engaden que “todos os datos presentados están criticados, cruzados entre diferentes fontes e sometidos polo tanto a unha contrastación e validación que non sempre é doada”.
Conforman as fontes documentais expedientes dos procesos xudiciais (2.608-máis de 400.000 páxinas), rexistros civís dos concellos (310), fonte oral (100 entrevistas das 450 que posúen os fondos do proxecto aínda que o resto seguirán a incorporarse) e traballos publicados por diferentes autores nas últimas décadas (52).
A Base de Datos está pensada como “una obra en permanente construción, incorporando novos nomes na medida que se consulten novas fontes documentais”. Tamén está suxeita a correccións, xa que, “asumindo os posibles erros en calquera dos datos ofrecidos, estes serán corrixidos a medida que se vaian contrastando novos datos”. Neste senso, o grupo fai un chamamento “á propia cidadanía, comezando polas familias das vítimas, para arranxar coas súas informacións as incorreccións que poidan existir”.
Segundo os seus promotores, este traballo signifícase como unha das iniciativas de recuperación da memoria da represión e do franquismo “máis completas no conxunto do Estado”. Nos próximos anos, o equipo do Proxecto dirixido polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e coordinado por Emilio Grandío (A Coruña), Mª Jesús Souto (Lugo), Julio Prada (Ourense), Dionisio Pereira (Pontevedra) e Xosé Manoel Núñez (Galicia Exterior) ampliará, nunha segunda fase de desenvolvemento da investigación a cronoloxía das súas pescudas abordando os primeiros anos da instauración do réxime franquista a partir de 1940.
Toda a información da Base de Datos estará localizada na web do proxecto http://nomesevoces.com.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.07.2009.