Pasar al contenido principal

Colocada a primeira pedra da nova sede do Museo de Historia Natural 'Luís Iglesias'

Senén Barro e Xosé A. Sánchez Bugallo nun momento da colocación
Senén Barro e Xosé A. Sánchez Bugallo nun momento da colocación

O reitor da USC, Senén Barro, e o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, colocaron este martes na Finca de Vista Alegre a primeira pedra do edificio que albergará a nova sede do Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’. Asistiron ademais, o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o arquitecto responsable do proxecto César Portela; e a directora do Museo, María Isabel Fraga.
O proxecto de construción parte da profunda relación do novo edificio co conxunto urbanístico no que se inserta dentro do parque de Vista Alegre e no que actualmente están emprazadas a Casa Europa, o Centro de Estudos Avanzados, a Escola de Altos Estudos Musicais e o edificio da Sociedade Xeral de Autores.
A disposición do Museo en soto e catro plantas xunto ao tamaño de cada unha delas e a disposición centro do acceso principal permitirán organizar en catro áreas autónomas as principais seccións do Museo, Zooloxía, Botánica, Xeoloxía, e colección de Dioramas. Cunha superficie total de 4.252 metros cadrados, o arquitecto César Portela establece unha semellanza entre o conxunto de cubos que conforman o edificio e un animal vivo “que se despraza sobre mil patas, encolléndose e estirándose”.
Os fondos do MuseoNa actualidade, os fondos da colección permanecen no soto da Facultade de Química e conforman o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, sendo continuador do Gabinete de Historia Natural que no curso 1840-41 creara Antonio Casares na USC. A través das coleccións do Museo, os visitantes poden facer un percorrido polo labor dos máis sobranceiros científicos galegos dos últimos dous séculos.
A calidade e cantidade destes fondos museísticos permitirá o establecemento dun centro de referencia no que respecta ao patrimonio científico, recollendo os resultados da ciencia concreta que se realizou dentro e fóra de Galicia a través de científicos galegos durante o XIX e o XX.
ActividadesCunha vocación claramente didáctica e investigadora, polo centro pasan máis de vinte mil estudantes de todos os niveis do ensino ao longo do curso académico. Son especialmente numerosas as visitas de alumnos de Primaria e Secundaria, procedentes dos máis diversos lugares de Galicia, ás que se engaden aquelas chegadas dende centros escolares de zonas limítrofes, como Portugal, León e Asturias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.10.2009.