Pasar al contenido principal

A Asociación Internacional de Estudos Galegos celebra en Santiago o seu noveno congreso, o primeiro en Galicia

John Rutherford inaugurou o encontro en Fonseca

Baixo o epígrafe ‘Galicia nos contextos globais: perspectivas para o século XXI’ reúnese esta semana en Santiago, por vez primeira en Galicia, a Asociación Internacional de Estudos Galegos no seu noveno congreso.
Máis de douscentos expertos farán balance dende este luns 13 ata o 17 de xullo en Santiago, Vigo e A Coruña –sedes das Universidades organizadoras- do estado dos estudos académicos internacionais sobre temáticas relacionadas con Galicia. Así, presentaranse aquelas perspectivas e investigacións que veñen sendo elaboradas por especialistas de fóra do país para pólos en contacto coa comunidade investigadora galega.
En concreto, os traballos desenvolveranse en seis ámbitos temáticos diferenciados: Dereito, Economía e Política; Arquitectura, Historia e Xeografía; Estudos Culturais, Estudos de Tradución; Ciencias da Comunicación, Lingua; Ciencias, Tecnoloxías da información; e Literatura galega, Teoría e crítica da literatura, Literatura comparada.
Rutherford inauguraO congreso inaugurouse oficialmente este luns no Colexio de Fonseca nun acto ao que asistiron representantes das tres Universidades galegas, do Consello da Cultura Galega, da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e da Real Academia Galega.
O hispanista inglés John Rutherford, membro da RAG e profesor da Universidade de Oxford, foi o encargado de pronunciar a conferencia inaugural na que, baixo o título Os Estudos Galegos nos contextos globais, realizou unhacrítica do traballo levado a cabo polos Centros de Estudos Galegos á vez que aproveitou para facer unhas suxerencias prácticas sobre os camiños que se poderían seguir no futuro.
O congreso continúa esta tarde na Facultade de Filosofía, onde tamén se desenvolverán as sesións do xoves. En Vigo estarán o mércores e na Coruña o venres.
A AIEGAs orixes da asociación están relacionadas co traballo e coa dedicación de galicianistas de Norteamérica na súa primeira década de existencia, que se viu reforzada a partir dos anos 90 coa creación e expansión dos Centros de Estudos Galegos e os correspondentes lectorados galegos arredor do mundo.
As áreas de traballo das estudosas e dos estudosos comezaron sendo a literatura, a historia, cultura e a lingua galegas, pero nas últimas edicións foise reforzando a inclusión doutras áreas para que os congresos continúen sendo os eventos máis importantes para toda a comunidade académica internacional que se dedique a estudos relacionados con Galicia.
A AIEG celebra dende 1985 os seus congresos con carácter trianual e en sedes rotatorias. A primeira tivo lugar na Universidade de Maine-Orono, e a segunda na Universidade de Brown en 1988. Tras a terceira edición en 1991, que tivo como sede a Universidade da Cidade de Nova York, o congreso trasládase en 1994 por primeira vez a Europa, á Universidade de Oxford. A partir dese ano, os congresos da AEIG comezaron a alternar sedes sudamericanas e europeas ata a actualidade: Trier (1997), La Habana (2000), Barcelona (2003) e Salvador da Bahia (2006).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.07.2009.