Pasar al contenido principal

As XVI Xornadas de Ensinanza Universitaria da Informática celebraranse en 2010 na USC

Será a primeira vez que o encontro chegue a Galicia

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC (ETSE) organizará en 2010 as XVI Jornadas de Enseñanza Universitaria de la Informática (Jenui 2010), recalando por vez primeira este encontro en Galicia. As xornadas celebraranse entre os días 8 e 10 de xullo e están impulsadas por un comité organizador que integran once profesores do Departamento de Electrónica e Computación, todos eles docentes da ETSE.
O programa de Jenui 2010 acaba de presentarse no transcurso da derradeira xornada deste encontro na súa edición correspondente a 2009, na Universidade Politécnica de Catalunya (UPC). Alí estiveron presentes a presidenta do Comité Organizador e subdirectora da ETSE, Mª José Carreira; o secretario do mesmo comité, o profesor Antonio Mosquera; a presidenta do Conferencia de Decano se Directores de Informática de España, María Ribera; e o reitor da UPC, Antoni Giró.
As Jenui están auspiciadas pola Asociación de Ensinantes Universitarios da Informática (AENUI) e naceron como foro de intercambio de ideas na área do ensino universitario da enxeñaría de Informática. Promoven o contacto, o intercambio e a discusión de coñecementos e experiencias entre profesores universitarios desta disciplina e grupos de investigación.
Outra das súas finalidades é o debate sobre o contido dos programas e os métodos pedagóxicos empregados, así como presentar temas e enfoques innovadores que permitan mellorar a docencia da informática nas universidades. Segundo explican os promotores da reunión, todos estes aspectos cobrarán unha especial relevancia no desenvolvemento de Jenui 2010, xa que coincidirá coa implantación do novo Grao en Enxeñaría Informática da USC, que inicia a súa actividade docente no próximo curso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.07.2009.