A xestión sostible dos recursos lignocelulósicos, clave na innovación da industria da madeira e no desenvolvemento dos biocombustibles de segunda xeración
Identificar e cuantificar os impactos ambientais asociados a diferentes sistemas de produción derivados de materias primas madereiras e non madereiras foi o obxecto da tese de doutoramento de Sara González García, dirixida polos profesores Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira do Departamento de Enxeñaría Química da USC.
Os sectores forestal e agrícola, este último centrado na produción de cultivos destinados á produción de fibra, foron seleccionados para o estudo como consecuencia do efecto que as correspondentes actividades industriais derivadas están causando no medio ambiente.
A investigadora profundou no ciclo de vida da madeira para a súa conversión en pasta de papel e taboleiros, concretamente de explotacións forestais de eucalipto en España e pino en Suecia para obter pasta de papel libre de cloro elemental no seu proceso de branqueo. Por outra banda, analizou o ciclo de vida dos biocombustibles de segunda xeración a partir de materiais lignocelulósicos como liño e cáñamo, abordando tanto a explotación agrícola das dúas especies como a súa transformación en etanol e a súa adicción en diferentes proporcións a gasolina co obxecto de identificar o beneficio ambiental real deste tipo de combustibles. Do estudo concluíu que o consumo enerxético do sector en España alonxa á industria da sustentabilidade.
Do traballo de Sara González deriváronse máis de dez artigos en revistas científicas indexadas no Scientific Citation Index, destacando os publicados na International Journal of Life Cycle Assesment (índice de impacto 1.828, ocupa a posición 11 de 38 na categoría de Environmental Engineering), na Renewable Sustainable Energy Reviews (índice de impacto 4.075, posición 3 de 67 revistas na categoría de Energy &Fuels) e na Science of The Total Environment (índice de impacto 2.579, posición 33 de 163 na categoría de Environmental Sciences).
O tribunal que avaliou esta tese europea estivo presidido pola catedrática da Politécnica de Cataluña, Teresa Vidal Lluica; e composto ademais por Francisco Javier Romero, director de I+D+i do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medioambientais do Grupo empresarial ENCE; Staffan Berg, profesor da Universidade sueca de Ciencias Agrícolas; Gjalt Huppes, da Universidade de Leiden; e Almudena Hospido Quintanta, investigadora Paga Pondal da USC.