Pasar al contenido principal

Inaugurada na EPS a primeira edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da Universidade de Santiago

Un grupo 40 titulados universitarios de primeiro e segundo ciclo de carreiras técnicas de Enxeñaría e Arquitectura, comezaron na tarde do venres, as clases da primeira edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, dirixido polo catedrático de Cálculo de Estruturas da Escola Politécnica Superior de Lugo e director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira da USC, Manuel Guaita Fernández. Liderado pola Universidade de Santiago, este máster é o primeiro destas características que se imparte nunha universidade española.
Este é o primeiro ano deste curso de especialización, que se desenvolverá na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e que deu comezo cun acto inaugural na Sala de Xuntas da EPS presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero. Nesta sesión de apertura participaron tamén representantes das distintas entidades patrocinadoras, entre os que figuraron o secretario xeral da Confederación Española de Empresarios de la Madera, Francisco de Paula Pons; o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Antonio Boné; o director de Cis Madeira, Francisco Pedras; a xerente do Clúster da Madeira de Galicia, Belén Varela; o director do Centro Tecnológico Forestal y de la Madera del Principado de Asturias, Juan Majada, e o xefe de Servicio de Montes da Consellería de Medio Rural, Miguel Angel Cela.
O obxectivo deste curso será formar especialistas nos aspectos de cálculo e deseño de estruturas de madeira, para a edificación tanto arquitectónica como rural, e para proxectos de obra civil. Este máster organízase pola necesidade que xurdiu tras a aprobación do último Código Técnico da Edificación, no que rexurde con forza a madeira como material básico para a construción, polo seu carácter ecolóxico e eficiente dende o punto de vista enerxético e medio ambiental. A madeira é un sumidoiro de CO2, produto reciclable e natural, polo que resulta un material adecuado sempre que a súa explotación se xestione adecuadamente e con sustentabilidade.
A falta de especialistas no cálculo de estruturas de madeira foi posto de manifesto pola Plataforma Tecnolóxica da Madeira de Galicia o ano pasado, polo que a iniciativa do profesor Manuel Guaita foi avalada tanto polos organismos propios do sector como pola Xunta de Galicia. O título foi promovido por este catedrático de Cálculo de Estruturas como membro do Grupo de Investigación ‘Unidade de Xestión Forestal Sostible’ e que pertence ao Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC.
O curso de especialización, que se iniciou esta tarde, prolongarase ata o 25 de xuño de 2010 nas aulas da Escola Politécnica. Ademais, realizaranse visitas a organismos, industrias e exemplos construtivos de interese. Serán un total de 500 horas lectivas. O cadro docente do curso fórmano profesores e profesionais do ámbito da madeira estrutural, un conxunto de 60 especialistas que, xunto ao compoñente práctico informático do máster, farán que a preparación dos estudantes de cara á integración no mercado laboral teña unha importante base de fundamentación teórica e de coñecemento especializado en madeira para o seu uso en construción.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.09.2009.