A USC facilitará aos membros da comunidade universitaria a adquisición de bicicletas
A Universidade de Santiago de Compostela acaba de firmar un convenio con empresas subministradoras de bicicletas co obxecto de ofrecer descontos a todos os membros da comunidade universitaria e aos seus familiares. Este convenio está promovido pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, e enmárcase dentro das accións postas en marcha para promover unha mobilidade máis sostible nos campus universitarios e nas cidades nas que están localizados.
O obxectivo deste convenio é potenciar o uso da bicicleta como medio de transporte para os desprazamentos cotiás aos campus universitarios. Na USC a bicicleta cada vez está máis arraigada e a súa presenza é máis continua, xa que durante o ano pasado un 3,5% dos universitarios optaron por desprazarse neste medio de transporte (duplicando o valor do ano 2007).
Todas aquelas persoas que estean interesadas na adquisición dunha bicicleta aproveitando as vantaxes do convenio deberán dirixirse a Bicicletas Oliveira, en Santiago de Compostela, e a Hijos de Félix Latorre en Lugo, e presentar a tarxeta universitaria como acreditación necesaria para poder acceder aos descontos. Os servizos prestados por estas dúas empresas inclúen descontos tanto na adquisición de novas bicicletas como na adquisición de materiais complementarios para os ciclistas, a adquisición de pezas de bicicletas e man de obra nos arranxos.
A firma deste acordo constitúe unha medida máis dentro do programa para a promoción da mobilidade sostible nos campus universitarios posta en marcha pola Oficina de Desenvolvemento Sostible. Estas iniciativas serán compartidas con máis universidades españolas na xornadas de traballo ‘As universidades como impulsoras da mobilidade sostible’, que se organiza no marco da CRUE e a desenvolver na Universidade Autónoma de Madrid os días 2 e 3 de decembro. A este encontro asistirá Dora Blanco, coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible.
Toda a información relativa ás campañas sobre mobilidade sostible promovidas pola Oficina de Desenvolvemento Sostible pode consultarse na súa páxina web.