Pasar al contenido principal

Ciencias da Comunicación acolle o Foro de Marketing e Comercialización Audiovisual 09

A Facultade de Ciencias da Comunicación é o escenario no que se vai celebrar este xoves e venres o Foro de Marketing e Comercialización Audiovisual 09, organizado por Agapi e no que se van dar cita máis trinta especialistas na materia. Serán dous días de mesas redondas, debates e proxeccións sobre as últimas tendencias e os recursos máis innovadores neste eido.
A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) organiza este foro co patrocinio da Consellaría de Economía e Industria e a colaboración da Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores (EGEDA) e da USC. Os asistentes poderán entrar en contacto cos responsables de empresas e entidades coma Televisión de Galicia, Televisión Española, Endemol, Sogecable, Zenit Televisión, Interacción CIM, assetMedia, Cameo, Vaca Films, Continental Producciones, Pórtico, Tic Tac Producciones, Filmax, Zeppelin TV, Paramount Picture Spain; tamén entidades como EGEDA; os responsables dos festivais de San Sebastián, Play-Doc ou os Málaga Markets; e con creativos como Ramón Costafreda e Lis Torrón.
Co obxectivo de que os asistentes poidan coñecer as diferentes estratexias de comercialización de produtos audiovisuais, o programa do foro analizará en primeiro lugar a estratexia comercial para o produto audiovisual, as diferentes fórmulas de financiamento e patrocinio, a explotación comercial da obras e as canles de distribución, a comercialización en festivais e mercados, a creatividade e a publicidade, as ferramentas do marketing 2.0. e a comercialización en salas de cine co estudio do Plan de Promoción de CELDA 211, a película da produtora galega Vaca Films que, ademais das excelentes críticas, estase a consolidar coma a película española do ano.O aforo da sala completarase cun público formado por profesionais de produtoras, distribuidoras, axentes de vendas, persoal dos departamentos de marketing e axencias de publicidade, así como por estudantes. A matrícula é gratuíta e o curso conta co recoñecemento de 1 crédito de libre configuración.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.12.2009.