Pasar al contenido principal

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC acada o Premio Pallín

O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC acadou o IV Premio Galego Manuel I. Piñeiro ‘Pallín’ para a eliminación de barreiras arquitectónicas e a integración de diminuídos físicos e psíquicos na categoría de organismos públicos e institucións.
A entrega do galardón ten lugar este xoves na Facultade de Ciencias da Comunicación nun acto que preside o reitor Senén Barro e no que participan a directora xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro; a concelleira de Benestar Social de Santiago, Mar Martín; o representante en España da Rede Europea de Vida Independente, Antonio Novoa; o profesor da USC e asesor xurídico da Fundación Amigos de Galicia, Manuel Martín Gómez; a gañadora na categoría individual, Victoria González; o alcalde de Rábade, Francisco Xosé Fernández; e o presidente da Fundación, Jesús Busto.
Entre as múltiples razóns esgrimidas polo xurado para concederlle o premio ao servizo universitario figuran a posta en marcha do estudo CANCUNG sobre as condicións de accesibilidade nos campus das Universidades galegas; a contratación desde 2001 de asistentes persoais para os estudantes con grandes discapacidades en situación de dependencia e a súa páxina web, destacada pola consultora ACTIVA como a mais accesible de todo o Estado.
Ademais, este servizo universitario ten en marcha o Centro Documental Vida Independente e o deseño de materiais accesibles para contornos formativos virtuais que favorezan a inclusión social e participación das persoas con diversidade funcional nos estudios superiores e a súa ocupación laboral. O xurado destaca tamén que o Servizo de Residencias Universitarias da USC conta nestes momentos cunha reserva de prazas para persoas con diversidade funcional con 8 habitacións totalmente accesibles e adaptadas.
O premio recoñece así mesmo a edición dos Protocolos para a Integración na Comunidade Universitaria, sendo a USC a primeira universidade española que inclúe enfermidades mentais; a celebración de varias xornadas de sensibilización e formación e a accesibilidade nas súas instalacións deportivas, como é o caso da piscina da USC, que conta con grúa para acceder ao vaso.
O xuradoPresidido polo alcalde do Concello de Rábade, Francisco J. Fernández Montes, e composto polo presidente da Fundación Amigos de Galicia, Xesús Busto Peteiro; o coordinador do Foro da Vida Independente, José Antonio Novoa Romay; a gañadora da edición do ano 2007, Marita Iglesias; e o delegado de Barreiras Arquitectónicas de Auxilio a Lugo, Aquilino González.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.12.2009.