Pasar al contenido principal

A USC organiza unhas xornadas de divulgación sobre a utilización do DNI electrónico

“Ven e aprende a usalo”. Con este lema, a USC inicia a vindeira semana unhas xornadas de divulgación sobre o uso do DNI electrónico nas que ademais de explicar as principais características desta aplicación se realizarán demostracións prácticas de trámites e xestións feitas de xeito cómodo, rápido e seguro utilizando este documento electrónico. Ademais, aos universitarios que acudan entregaráselle de balde un lector para e-DNI.
Estas xornadas celebraranse o luns 14 no Campus de Compostela, a partir das 12:00 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía e ás 18:00 horas no Salón de Graos da de Ciencias Económicas e Empresariais, coa presenza do director da Área TIC, Javier Franco, e do secretario xeral adxunto, Carlos Gómez Otero.
En Lugo, a cita será o martes 15, a partir das 12:00 horas na Aula Magna da Facultade de Veterinaria e dende as 18:00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior, coa participación do vicerreitor de Coordinación do Campus, Carlos Herrero.
Logo dunha breve introdución institucional, nestas sesións realizarase unha explicación práctica sobre o uso do DNI electrónico, cunha demostración da súa utilidade en procesos administrativos da propia universidade compostelá, como por exemplo a sinatura de actas académicas. Esta campaña enmárcase no acordo da USC con red.es, dentro do Plan Avanza, para difundir o uso do DNI electrónico e coincide con outra campaña de reparto de lectores de tarxeta entre os integrantes da comunidade universitaria iniciada recentemente.
Trátase dunha iniciativa, en opinión dos responsables da Área TIC da USC, que profunda no proceso de implantación da administración electrónica en todos os ámbitos da institución académica compostelá e que incidirá na potenciación do uso da identificación dixital nas relacións da USC coa súa comunidade e cos terceiros en xeral. A este respecto, o próximo paso que se vai dar será a implantación dunha plataforma de sinatura avanzada no primeiro semestre do 2010.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2009.