Pasar al contenido principal

O IV Seminario Internacional de Vicerreitores de Administración e Finanzas de CINDA inaugúrase este mércores no Centro de Estudos Avanzados

O IV Seminario Internacional de Vicerreitores de Administración e Finanzas do Centro Interuniversitario de Desarrollo (CINDA) celebrarase dende este mércores, día 1 de outubro, ata o próximo venres 3 no Centro de Estudos Avanzados. O reitor da USC, Senén Barro, presidirá a inauguración do encontro este mércores nun acto previsto para as 10:30 horas e no que tamén está previsto a presenza da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón.
Deseguido dará comezo a quenda de intervencións coa presenza do vicerreitor da Pontificia Universidade Católica do Perú, Efraín Gonzales, para falar do financiamento en actividades non universitarias da súa institución. Seguiralle o vicerreitor da Universidade de Costa Rica, Héctor Morera, co relatorio ‘Fideicomiso de titularización, unha fonte alternativa para o financiamento de inversión en educación universitaria, a experiencia da Universidade de Costa Rica’. Completando a xornada matinal, o vicerreitor Roberto Enrique Montoya falará sobre a produtividade académica dos profesores de planta na perspectiva da xestión administrativa da Pontificia Javeriana.
Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas Iván Mancebo explicará o modelo de financiamento do Instituto Tecnolóxico de Santo Domingo. Pechando esta primeira xornada, o xerente da Universidade de Valencia, Juan Oltra, presentará o relatorio ‘Financiamento de infraestruturas. Débeda e tesourería’.
Xoves 2‘A universidade española en cifras’ será o relatorio que presentará Juan Hernández Armenteros, da Universidade de Xaén, o xoves 2 dende as 10:00 horas. A continuación, o asesor de financiamento externo da Universidade Nacional da Pampa, Javier Andrés Macchi, e o secretario de financiamento para o desenvolvemento da Universidade Nacional de Cuyo, Miguel González, falarán sobre ‘Corporación de Universidade: compras, contratacións e desenvolvementos en conxunto. Experiencias no sistema arxentino’. Finalmente, o reitor e o xerente da Universidade Jaume I de Castellón, Francisco Toledo e Antoni Montaña, respectivamente, analizarán as ‘Sinerxias entre estratexias de Calidade e estratexias de Fund Raising no despregamento do Plan Estratéxico da Universidade Jaume I’.
Venres 3As fontes de recursos diversas para lograr o desenvolvemento e mellorar os indicadores de concentración de ingresos diferentes a matrículas será o tema co que bote a andar a terceira xornada deste seminario. Seguiralle un relatorio do vicerreitor compostelán Miguel A. Vázquez Taín sobre ‘A investigación e o seu financiamento. O caso da USC’. A quenda de intervencións rematará cunha reflexión conxunta sobre as posibilidades de cooperación dos vicerreitores da área de administración e finanzas de CINDA.
CINDAO CINDA é unha rede de máis de 30 prestixiosas universidades de Europa, América Latina e o Caribe que desde 1972 promove a cooperación e o intercambio académico. O seu propósito inicial era de integrar as mellores universidades de América Latina nunha rede que se preocupara da relacións das institucións de ensino superior co desenvolvemento nacional dos seus respectivos países de orixe. Anos despois, en 1992 ampliouse a influencia de CINDA a universidades europeas.
Na actualidade, o propósito institucional deste colectivo oriéntase cara a proxectos basicamente dedicados á política e xestión universitarias. A incorporación dunha universidade a esta rede requírelle o cumprimento de selectivos requisitos, de maneira que as institucións membros de CINDA están consideradas entre as mellores no seu ámbito de actuación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.09.2008.