Pasar al contenido principal

Aberto o prazo da convocatoria extraordinaria de Bolsas Internacionais Bancaja-USC

A Vicerreitoría de Relacións Institucionais manterá aberta ata o día 10 de decembro a convocatoria extraordinaria de Bolsas Internacionais Bancaja-USC para estudantes da institución compostelá que realicen os seus estudos en universidades alleas ao Sistema Europeo de Educación Superior coas que a Universidade de Santiago teña formalizado convenio de cooperación internacional.
As persoas interesadas deberán estar matriculadas en calquera titulación oficial da USC no presente curso, tendo sido seleccionadas para realizar estudos de 1º, 2º, 3º ciclo, grao, máster ou doutoramento dentro do Programa Xeral de Mobilidade Xan de Forcados en institucións de América, Asia ou Australia.
Concederanse un máximo de 14 bolsas dotadas cun máximo de 1.500 euros por semestre ou de 2.500 por curso académico, cun límite global máximo de 21.209 euros. As solicitudes deberán presentarse na Oficina de Relacións Exteriores da USC.
Para a concesión das bolsas, a comisión mixta encargada do proceso de selección valorará o expediente académico, o coñecemento da lingua da institución de destino, os motivos para participar no intercambio e as cartas de presentación dos docentes que apoien a solicitude.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.11.2008.