O reitor da USC e o presidente do Grupo Aresa asinarán un convenio para a convocatoria da novena edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinarán o próximo xoves 24 no Colexio de San Xerome o convenio polo que se convoca a novena edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.
O obxectivo deste galardón é recoñecer e incentivar a I+D+i así como aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras no eido agrogandeiro, como elementos fundamentais para a mellora da calidade de vida e do benestar das persoas que traballan no medio rural galego. O premio ten unha dotación económica de 10.000 euros, achegados integramente pola firma lucense que lle da nome ao certame.
As últimas edicións do Premio Aresa suscitaron grande interese entre a comunidade científica galega e o empresariado. Eladio Rigueira Sobrado, propietario da empresa Queixería Casa Macán, foi distinguido na oitava edición co galardón, como exemplo de bo facer na modernización e crecemento da empresa familiar. Esta empresa está no camiño de converter a súa fábrica de queixos na máis produtiva de Galicia (120.000 litros diarios), tecnoloxicamente máis moderna e por suposto a máis grande das dúas denominacións de orixe que oferta.
A historia do galardón O galardón recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres no 2001 foi recoñecido o investigador Xavier Guitián Rivera, por un estudo multidisciplinar sobre a serra de O Courel. Na terceira ocasión, foi para a Aula de Produtos Lácteos, centro de investigación integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da USC. A cuarta convocatoria foi parar a Xosé Manuel Silva Rodríguez, director xeral de Agricultura na Comisión Europea, sendo no quinto o galardón para a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. Na sexta convocatoria o premio correspondeulle ao programa O Agro-Labranza, da Televisión de Galicia, e na sétima ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.