As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela ocupan o Colexio de Fonseca
A Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago inaugura este xoves no Colexio de Fonseca a exposición Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela, produción da Fundación 10 de Marzo en colaboración coas tres universidades galegas, as consellarías de Educación e Cultura e a obra Social de Caixa Galicia.
No acto de apertura participan as conselleiras de Educación e de Cultura, Laura Sánchez Piñón e Ánxela Bugallo, respectivamente; o vicerreitor de Cultura, Elias Torres; o comisario da mostra, Ricardo Gurriarán; o director da Obra Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias; o presidente da Fundación 10 de marzo, Manuel Villares; e o director da Área de Historia desta, Víctor Santidrián.
A mostra susténtase nun intenso labor de documentación que levou a cabo Ricardo Gurriarán, o seu comisario, que tirou información de numerosos arquivos ademais das duascentas horas de gravación que realizou aos protagonistas da época.
Partindo da explicación do que eran en 1968 a cidade de Santiago e a USC, chégase na montaxe a unha pormenorizada explicación dos sucesos estudantís do curso 1967/1968 na universidade galega, xurdidos dun intenso activismo que cuestionaba ás autoridades académicas e, por extensión, á ditadura franquista.
Así, o material exposto ofrece unha análise dos elementos que alicerzaron as mobilizacións estudiantís posteriores, con especial énfase na dicotomía entre a cultura oficial e a cultura alternativa promovida polos estudantes ou por institucións alleas á universidade; a incipiente presenza das clandestinas forzas antifranquistas, ou os acontecementos ocorridos noutros lugares a prol da democratización das estruturas universitarias.
O conxunto expositivo pon de manifesto a solidariedade da sociedade galega e leva ao visitante ata o nacemento de Voces Ceibes, ás asembleas universitarias, ao peche da Facultade de Filosofía e Letras, á represión sobre os líderes estudantís ou a actitude do profesorado, entre outros aspectos. A exposición recolle todo tipo de documentación recuperada no proceso de investigación, como carteis, fotografías, boletíns universitarios, prensa legal e clandestina, fichas policiais ou informes gubernativos, entre outros.
Ademais, co obxecto de achegar máis ao visitante a esta época reprodúcese un cuarto de estudantes no que o visitante poderá atoparse con obxectos típicos da época, como prensa, con exemplares de Signo, Triunfo, ou Cuadernos para el Diálogo; carteis; discos; roupa ou aparellos da vida cotiá daqueles tempos.
De xeito paralelo á mostra, que se poderá visitar ata o 27 de marzo, organizaranse outros actos como sesións de cineclub, unha mesa redonda con protagonistas dos acontecementos e presentacións de libros. Xa en decembro celebrarase un concerto conmemorativo do nacemento de Voces Ceibes, que tivo a súa primeira aparición pública hai corenta anos.