Pasar al contenido principal

O concurso 'Comunicándomos' busca entre os universitarios da USC o mellor anuncio en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo convoca a terceira edición de ‘Comunicándomos’, o primeiro concurso de publicidade en galego para membros da comunidade universitaria. O certame pretende espertar a vea artística e a creatividade dos estudantes da USC ao tempo que demostrar os coñecementos das potencialidades do galego como lingua creativa e, por extensión, no ámbito empresarial.
Cada autor poderá presentar de xeito individual ou colectivo un máximo de dous traballos, que consistirán no deseño dunha mensaxe publicitaria sobre ideas, produtos ou servizos tanxibles e intanxibles, así como sobre empresas ou institucións, tanto reais como ficticias. A mensaxe deberá contar cun lema en lingua galega como elemento central e imprescindible e adscribirse a algún dos soportes xa coñecidos como a radio, a televisión, os medios impresos, internet ou soportes exteriores.
O xurado estará formado polo decano, un representante da comisión de normalización lingüística do centro, un técnico do Servizo de Normalización Lingüística e un profesional de prestixio no mundo da publicidade. Todos eles, que farán público o seu veredicto en outubro, valorarán a capacidade expresiva, a efectividade e a orixinalidade do lema, a adecuación entre o lema o soporte e o obxecto do traballo, así como a globalidade da campaña.
Os traballos deberán presentarse antes do vindeiro 30 de xuño na Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. Para os mellores traballos haberá tres premios, un de 500 euros, outro de 400 e un terceiro de 300 euros. Ademais, outorgarase un premio honorífico do público inda que sen dotación económica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.02.2008.