Pasar al contenido principal

Abre a inscrición para os programas de musicoterapia que se desenvolverán en Lugo e Santiago dende este mes

A Universidade de Santiago de Compostela desenvolverá dende este mes un programa de sesións de musicoterapia nos Campus de Lugo e Santiago. Está destinado a persoas de todos os ámbitos, en especial para aquelas “que desexen compartir e experimentar, nun espazo de encontro, diálogo e expresión, un modo de abrir posibilidades para conectar o mundo interior co día a día a través do son e a música”, tal e como indican os organizadores.
O programa iniciarase no Campus de Lugo o 28 de marzo e celebrarase todos os venres dos meses de abril, maio e xuño. Haberá dous grupos, un pola mañá, de 12:00 a 13:00 horas, e outro de tarde, de 16:00 a 17:00.
No Campus de Compostela, o programa iniciarase o día 31 de marzo e desenvolverase os luns dos mesmos meses. Haberá dous grupos, o de mañá co mesmo horario que en Lugo e o de tarde, de 17:00 a 18:00 horas.
Este programa está organizado pola Vicerreitoría de Cultura coa colaboración da Escola de Arte e Lecer de Fingoi. A encargada das sesións será Montserrat López Merino, que é musicoterapeuta, profesora de linguaxe musical, teoría da música e repentización, transporte e acompañamento e profesora superior de piano. Na actualidade é directora da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela e profesora de piano e orquestra nesta mesma escola. Traballa como musicoterapeuta, aplicada no ámbito educativo, e nun proxecto de investigación en musicoterapia sobre as posibilidades terapéuticas da voz na estimulación e rehabilitación en estados limitados da comunicación como a demencia e o coma. É tamén presidenta da Asociación Galega de Musicoterapia AGAMUS.
O prazo de inscrición para este programa está xa aberto e pode realizarse en Santiago na Fonoteca Universitaria (baixos da Facultade de Ciencias da Comunicación) e na oficina da Vicerreitoría de Cultura situada no colexio San Xerome. En Lugo a información e a inscrición pode realizarse na oficina desta Vicerreitoría situada na praza Pío XII. O prezo será de 45 euros como taxa xeral e de 22 para os estudantes da USC. Hai un límite de 20 prazas por grupo polo que a inscrición se pechará cando se cubran as prazas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2008.