Pasar al contenido principal

O reitor Senén Barro participou na Coruña no encontro 'Empresa TIC Galega: talento, calidade e identidade'

O reitor da USC, Senén Barro, interveu este mércores 12 no encontro ‘Empresa TIC Galega: talento, calidade e identidade’ onde realizou unha presentación sobre ‘As TIC en e dende a Universidade’. Neste evento organizado pola multinacional Softtek, participaron xunto ao reitor compostelán representantes da Consellaría de Innovación, da Consultora IDC, e de empresas nacionais e internacionais usuarias dos servizos prestados dende Galicia, como Caixa Galicia ou General Electric.
O obxectivo desta xuntanza é dar visibilidade a analistas e potenciais clientes en España e no resto de Europa do liderado e das capacidades de Galicia e os seus profesionais na prestación de servizos TIC, así como poñer en común as estratexias utilizadas para atraer e reter o talento en Galicia e expor casos de éxito impulsados noutros países.
No transcurso da súa presentación, Senén Barro ofreceu unha visión das TIC en e desde a universidade o que lle levou a analizar o apartado da formación, “eido no que hoxe en día estamos asistindo a un proceso global de cambio relacionado coa construción do Espazo Europeo de Educación Superior”. Barro tamén se referiu á necesaria e crecente interacción entre Universidade, empresa e administracións para impulsar conxuntamente a denominada sociedade da información. Outro dos aspectos no que o reitor fixo fincapé foi no grao de penetración e utilización das TIC na estrutura das Universidades, nas súas actividades, no nivel de formación do seu persoal ou dos seus estudantes, entre outros.
Para Senén Barro “non hai xa ningún ámbito de actividade profesional que poda ser alleo ás TIC” destacando o sector universitario como “paradigmático” neste senso xa que nas Universidades aparecen claramente definidas as responsabilidades da formación superior de profesionais das TIC, así como a investigación, o desenvolvemento e a innovación en todos os sectores propios destas tecnoloxías. Ademais, ao ser institucións onde o principal elemento de traballo é o coñecemento isto convérteas en “organismos moi dependentes destas tecnoloxías e usuarias intensivas das mesmas”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.03.2008.