Compañeiros do profesor Ángel Álvarez Gómez presentaron un libro na súa memoria
Compañeiros do profesor Ángel Álvarez Gómez renden homenaxe á súa memoria co volume Experientia et sapientia. Estudios dedicados a la memoria de Ángel Álvarez Gómez. A publicación, editada por María Jesús Vázquez, Juan Vázquez e César Raña, presentouse este mércores 5 na Facultade de Filosofía.
No acto interviñeron o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o decano da Facultade, Luís García Soto; e os profesores Mercedes Torrevejano, Mariano Álvarez Gómez e Mª Jesús Vázquez Lobeiras, en nome dos comités editorial e científico. Tamén asistiron familiares do profesor finado en 2005.
Con este libro lémbrase a un profesor cuxa desaparición “nos conmoveu a todos”, segundo indicou o reitor quen tamén destacou a súa “pegada inesquecible” en alumnos e compañeiros.
A obra recolle trinta e dúas colaboracións de expertos de oito universidades españolas das que catro profundan na figura de Ángel Álvarez e as restantes constitúen investigacións dende diversos eidos da filosofía e doutros campos como a historia medieval, teoloxía ou antropoloxía cultural. Para facilitar a lectura da obra, o profesor Mariano Álvarez e irmán do homenaxeado explicou no acto unha guía práctica que organiza os textos por áreas.
En conxunto, na creación do volume participaron, ademais da USC, as universidades de Valencia, Complutense de Madrid, Oviedo, Pontificia e Civil de Salamanca, das Illas Baleares e de Granada.
Ángel Álvarez GómezNa Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Álvarez Gómez constituíu un referente para a formación dos estudantes no pensamento moderno, non só dende a óptica da teoría do coñecemento, senón tamén en relación con autores como Leibniz, Spinoza, Voltaire, Kant o Hegel. Pero quizais unha das características máis acentuadas da súa personalidade sexa o feito de que un especialista en racionalismo fose ao mesmo tempo un católico comprometido.