Pasar al contenido principal

Arrincan este venres en Lugo as I Xornadas de Saúde e Comunicación

A USC colabora na organización e concede un crédito de libre configuración para os estudantes que participan

Este venres día 15 darán comezo en Lugo as I Xornadas de Saúde e Comunicación, organizadas pola Asociación da Prensa de Lugo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dunha iniciativa que xorde da necesidade de considerar diferentes perspectivas e achegar intereses relacionados coa información de carácter sanitario presente nos diferentes medios.
Os fins que se perseguen con estas xornadas son lograr que os distintos medios conten con información actualizada referente a asuntos sanitarios e que a empreguen en termos que poidan ser comprendidos pola poboación, facendo unha escolma da mesma para ofrecer uns criterios de calidade mínimos na súa difusión.
Ademais, búscase que o mundo sanitario posúa unha ferramenta de divulgación que propicie campañas de educación sanitaria e de promoción da saúde, amén de que o persoal sanitario relacionado co mundo do xornalismo e os profesionais dos medios de comunicación en contacto coa rama sanitaria poidan compartir experiencias.
Outro dos obxectivos é realizar unha reflexión sobre as directrices éticas e deontolóxicas relacionadas coa difusión de informacións do ámbito da saúde, sobre todo con aquelas que teñan que ver con situacións de emerxencia; sen esquecer o estudo da relevancia das novas tecnoloxías nas informacións sanitarias.
As xornadas, que se celebran no Gran Hotel de Lugo, comezarán ás 10:30 horas, coa súa apertura a cargo do director provincial do Sergas, José Luis Rodríguez López. Posteriormente, haberá unha charla-coloquio co doutor Joaquín Mendonça Caridad, presidente da ONG Cirurxanos do Mundo, sobre as experiencias de difusións de investigacións médicas e intervencións cirúrxicas.
Ás 11:30 horas, a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, inaugurará oficialmente as xornadas; acto no que estarán diferentes autoridades locais, provinciais e autonómicas. A súa presentación correrá a cargo de Xoán Carlos Vidal Crende, presidente da Asociación da Prensa de Lugo. A continuación, comezará a charla-coloquio “Comunicación=Vida”, ofrecida polo médico e directivo do Grupo El Correo Gallego Ignacio Balboa.
Tras o xantar, a actividade reanudarase cunha videoconferencia dende Xinebra coa directora de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS). Seguirá un coloquio sobre a seguridade alimentaria, no que participarán o director xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, Ramón Medina, e César Álvarez Carro, xefe de laboratorios de I+D de Coren.
Finalizará a xornada cunha mesa redonda sobre as relacións entre os profesionais do xornalismo e a medicina na que participarán a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Berta García Orosa; o decano de Medicina, José María Fraga; o director da Escola de Enfermería de Lugo, José Luis Díaz; e o xornalista do Sergas Raúl Álvarez Salcedo, delegado da Federación Galega de Asociacións de Periodistas (Fegape) en Pontevedra. Estará moderada por Manuel González, máximo responsable da Fegape.
O sábado, a actividade dará comezo ás 10:45 cunha mesa redonda sobre as estratexias de comunicación ante os avances da biomedicina, coa presencia da vogal da Asociación de Informadores en Salud e redactora xefe da sección de Sociedade na canle Tele 5, Coral Larrosa; de Alba Rodríguez, xornalista lucense que se alzou cun premio nacional de publicidade por unha campaña sobre un fármaco para diabéticos; do director de Márketing de PharmaMar, Alfonso Casal; e do director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Xunta, Germán González Pazó. Estará moderada por Dolores Cela, integrante da Asociación da Prensa de Lugo (APL).
A charla de clausura estará a cargo do director do Diario Médico, Javier Olave. Leva por título ‘Diario Médico, unha experiencia de información’ e está dirixida ao sector sanitario. Será introducida polo vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero.
Ás 13:30 horas, Miguel Ángel Rodríguez Lois, delegado de Sanidade en Lugo, será o encargado de poñer punto final ás xornadas, que están patrocinadas pola Xunta de Galicia, e contan coa colaboración, ademais da USC, do Policlínico Lucense SA (Polusa) e Fegape.
Nas xornadas están inscritas máis de 80 persoas entre as que figuran varios estudantes. Pola súa participación, os universitarios recibirán un crédito de libre configuración.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.02.2008.