Pasar al contenido principal

As matemáticas no eido empresarial e institucional, cuestión a tratar nunhas xornadas que se celebran na USC

A promoción das matemáticas no eido empresarial e institucional, o desenvolvemento de proxectos de investigacións sobre esta cuestión ou a creación dun mapa de demanda tecnolóxica son os obxectivos principais das primeiras ‘Xornadas de Consulta Matemática para Empresas e Institucións. I-Math 2008-2011’ que se celebrarán os días 11, 12 e 13 no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas da USC.
A xuntanza comezará este luns 11, ás 10:00 horas, coa conferencia ‘Metodoloxía para a análise do comportamento de válvulas by-pass ante ondas de presión’ que pronunciará o profesor de Matemática Aplicada da USC, Alfredo Bermúdez, xunto co responsable de cálculos e ensaios da empresa Dayco ENSA, Álvaro Sánchez.
‘A asignación de produtos a testar segundo o perfil de consumidor nun estudo de mercado’ é o título da segunda intervención, ás 11:00 horas, do profesor da Universidade Autónoma de Barcelona, Aureli Alabert, e o asesor estatístico, Oriol Reventós.
Xa ás 12:15 horas, o profesor da Universidade de Vigo, Fernando Varas, e o membro do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Andrés Gómez, falarán sobre o deseño e mellora dos sistemas de refrixeración de centros de procesamento de datos. A sesión matinal finalizará ás 13:00 horas cun relatorio sobre a metodoloxía para a asignación de fincas de substitución en procesos de concentración parcelaria do profesor da Universidade de Sevilla, Justo Puerto, e o doutor en Informática Miguel Rodríguez.

Organizadas polo nodo CESGA do proxecto Ingenio Mathematica e a Red de Mathematica Consulting & Computing de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia e as Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, as xornadas continuarán o martes 12 e o mércores 13 coa formación práctica dos participantes a través da súa distribución en grupos de traballo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2008.