A Caravana Universitaria polo Clima achegou o Entroido á USC
Xusto unha semana despois do remate oficial do Entroido, os disfraces volveron inundar este mércores o campus sur da cidade nunha actividade de sensibilización ambiental posta en marcha polos voluntarios da Caravana Universitaria polo Clima. Coa fin de dar a coñecer a problemática do cambio climático caracterizáronse de diferentes personaxes relacionadas co clima á vez que convidaban ao espectador a desenvolver diferentes actividades, como por exemplo o cálculo da súa pegada ecolóxica.
Logo desta actividade lúdica, os voluntarios xunto con estudantes, PDI e PAS participaron nunha mesa redonda na que se expuxeron exemplos de investigacións sobre cambio climático na USC. Así, Pablo Meira Cartea mostrou a percepción da sociedade galega respecto ao cambio climático e a problemática ambiental en xeral, mentres que Vicente Pérez Muñuzuri explicou as evidencias sobre a tendencia climática en Galicia e algúns proxectos de investigación relacionados coa cuestión, como CLIGAL e Climántica.
Pola súa banda, Ángeles López Aguera falou sobre a situación real e tendencias da tecnoloxía de aproveitamento de enerxía solar e o catedrático Francisco Díaz-Fierros Viqueira explicou os efectos do cambio climático sobre a fauna e a flora galegas.
A Caravana Universitaria polo Clima é un programa promovido pola Conferencia de Reitores de Universidades Españolas e a Fundación Biodiversidade e no que colabora a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC.