O Encontro Universitario de Danza Contemporánea celébrase a próxima semana coa presenza de grupos de Colombia, Francia, España e Portugal
Sete grupos de danza participarán a próxima semana en Santiago e Lugo na sexta edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC. O evento, dirixido e coordinado por Juan Carlos Zahera, abre este ano por vez primeira as portas aos países iberoamericanos coa presenza do grupo da Universidade colombiana de Cundinamarca. Tamén estarán presentes, ademais da USC, a Université París 13, a Técnica de Lisboa, a Carlos III de e a Europea de Madrid e a Autónoma de Barcelona.
O obxectivo do encontro, que se celebrará en Santiago os días 14 e 15 e en Lugo o 16 e o 17, é recibir e artellar un programa no que a convivencia, o intercambio de experiencias e o debate da danza contemporánea nas universidades serán os eixos fundamentais. O encontro presentouse este xoves en Lugo nun acto no que tanto o vicerreitor Elías Torres como Juan Carlos Zahera destacaron a importancia que ten o programa de Espazo de Danza como canteira de futuros bailaríns.
Cada un dos grupos ofrecerá a súa proposta coreográfica en distintos espazos e escenarios. Por un lado, a Igrexa da Universidade, cun marabilloso retablo barroco, e a Sala de Mosaicos do Museo Provincial de Lugo; e, por outro, as Facultades de Ciencias da Comunicación de Santiago, exemplo de arquitectura de vangarda obra do afamado arquitecto portugués, Álvaro Siza, e a Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo.
Á marxe das actuacións e ensaios, terán lugar dous talleres de danza contemporánea impartidos por Carlo Pérez e Eugenio Cueto, baixo o título ‘Danza Creativa’ e ‘Improvisación’, respectivamente. Haberá tamén tempo para o debate no que os participantes, tanto bailaríns como coordinadores das universidades, poderán indicar as súas posturas sobre o camiño a seguir pola danza universitaria. Finalmente, no programa figura tamén unha demostración ao aire libre de ‘Parkour’.
O encontro en SantiagoA Igrexa da Universidade será a que acolla a primeira das actuacións este luns, día 14, ás 21:00 horas, coa intervención dos grupos das Universidades de Santiago, Lisboa, Cundimarca e Barcelona.
O grupo da USC presentará a súa nova peza, ‘O falar calado’, na que se reflicten as lembranzas que se levan ao longo da vida. Esta coreografía, creada por Zahera, estreouse o mes pasado no festival de danza universitaria organizado pola Universidade Carlos III de Madrid.
Pola súa banda, os portugueses traen ‘Flor Bela de Alama’, untraballo inspirado na vida e obra da poetisa Florbela Espanca, mentres que o grupo colombiano representará ‘El último ángel’ coa que reflexionan sobre o compromiso que como seres humanos temos coa especie e o universo. Xa a Autónoma de Barcelona se estrea na USC coa intervención ‘Selecciona la opción deseada’, sobre as consecuencias que ten o avance tecnolóxico nas nosa vidas.
O martes 15 o Encontro comezará ás 13:30 horas no vestíbulo da Facultade de Ciencias da Comunicación coa presentación dun extracto das actuacións de todas as Universidades participantes. Xa pola noite, ás 21:00 de novo na Igrexa, actuarán os grupos da París 13, a Europea de Madrid, a Carlos III e a USC. Os madrileños da Carlos III presentan a peza ¿Quien ama a Virginia?, unha creación arredor do universo literario da escritora Virginia Woolf, mentres que os da Universidade Europea viaxan cara aos matices sensitivos escondidos no recodo do corpo con ‘El cuerpo en blanco’. Pola súa banda, os universitarios da París 13 reinterpretarán a peza Le danse des éventails de Andy Degroat a partir da notación Laban.
O encontro en LugoXa o mércores 16 o Encontro Internacional de Danza trasládase ao Campus de Lugo para, ás 20:30 horas, ter lugar na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial a actuación das Universidades de Lisboa, Cundimarca, Barcelona e Santiago, todas con idéntico programa que en Compostela.
O xoves 17, ás 12:00 horas, os distintos grupos ofrecerán un estrato das súas coreografías no vestíbulo da cafetería da Escola Politécnica Superior para, ás 20:30 horas no Museo, intervir coas súas pezas os grupos de París 13, Europea de Madrid, Carlos III e Santiago.