Pasar al contenido principal

O catedrático da USC Carlos Pajares, Premio Galicia de Investigación

O galardón recoñece a traxectoria do que foi reitor da USC no estudo da orixe e da composición do universo

A Consellaría de Innovación e Industria concedeulle o Premio Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica, na categoría sénior, a Carlos Pajares, en recoñecemento á súa traxectoria investigadora no campo da Física. Estes galardóns enmárcanse nos Premios Galicia de Investigación cos que se recoñece o traballo de científicos galegos de recoñecido prestixio co obxectivo último de incentivar a investigación e recompensar o traballo realizado nesta área. A gala de entrega terá lugar o 27 de maio en Compostela.
Na categoría de investigador mozo, o xurado decidiu outorgar o Premio ex aequo doutor en Químicas e licenciado pola USC Miguel Ángel Correa Duarte e ao doutor enxeñeiro en Telecomunicacións Roberto López Valcarce. Destacan deles a excelencia demostrada, o primeiro na investigación en nanotecnoloxía e o segundo no campo das telecomunicacións.
O xurado estivo presidido polo director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, e contou coa presenza de tres científicos de prestixio internacional como son Pedro Miguel Echenique e Ginés Morata, ambos os dous Premio Príncipe de Asturias, e Jesús Mª Sanz, que conta entre outros galardóns coa Medalla da Real Academia de Ciencias. Tamén formaron parte do xurado o catedrático de Química Orgánica da Universidade da Coruña, José María Quintela López; a vicerreitora de Investigación da USC, María José Alonso Fernández; e o director da Área de Política de I+D da Universidade de Vigo, Ángel Rodríguez de Lera.
O premiadoCarlos Pajares (Madrid, 1945) foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1984 e 1990 e primeiro decano da súa Facultade de Física. Destaca o seu traballo investigador nas partículas elementais e é recoñecido internacionalmente o valor das súas achegas no eido das interaccións partícula-núcleo e materia a alta densidade.
En concreto, Carlos Pajares centrou a súa investigación na orixe do universo e en como reproducir experimentalmente este fenómeno mediante aceleradores. O departamento de Física de Partículas no que traballa intenta responder, realizando investigación básica, ás preguntas fundamentais sobre a constitución do universo e da materia. O catedrático explica que a materia do universo que coñecemos supón unicamente o 4%. “O resto está formado por materia escura, que non produce ningún tipo de radiación, e enerxía escura da que non coñecemos a orixe”, matiza.
Resultados de investigacións de Carlos Pajares como o teorema self-shadowing, a absorción da partícula J en núcleos e as interaccións de campos de color correspondentes a diversas fontes formando a percolación de cordas, tiveron unha ampla difusión e o recoñecemento internacional.
O novo Premio Galicia de Investigación é autor de máis de 130 artigos de investigación publicados nas mellores revistas especializadas, así como doutros 45 artigos como resultado de conferencias e congresos. Publicou ademais dous libros: Interacción a las interacciones fuertes (Barcelona, 1977) e Relativistic Nuclear Interactions (Moscú, 2007).
Ao longo da súa traxectoria, realizou estadías en universidades de Francia, Estados Unidos, Inglaterra e Suíza. Foi ademais o responsable de formar o Departamento de Física de Partículas Elementais. Por outra banda, o grupo de investigación de Materia de alta densidade co que traballa na actualidade está considerado como un dos máis destacados deste campo.
Carlos Pajares é membro de diversas comisións e comités científicos. Foi vicepresidente da Real Sociedade Española de Física, asesor da Unión Europea sobre plans de estudo de Física, membro do comité científico Outreach do Centro Europeo de Partículas Elementais e aval. Formou parte ademais dos consellos asesores da Enciclopedia Galega, da Revista Galega do Ensino e da Revista Española de Física, así como da sección de Ciencia e Sociedade do Consello da Cultura de Galicia.
O Premio Galicia de Investigación únese a outros recoñecementos recibidos con anterioridade. Así, foi nomeado Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas polo goberno francés e recibiu o Premio Xunta de Galicia de Divulgación Científica en 1994 e a Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Física en 2000.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.04.2008.