Unha activista brasileira participa en Maxisterio nun encontro, dentro das actividades da exposición de Amnistía Internacional
Dentro da programación de Lugo Cultural e como actividade complementaria á exposición situada na Facultade de Administración e Dirección de Empresas ‘Retrato dun escándalo universal de dereitos humanos. A discriminación e a violencia contra as mulleres’, terá lugar este martes 22 o segundo encontro con mulleres defensoras dos dereitos humanos.
Nesta ocasión, o encontro será con Valdenia Aparecida Paulino, avogada defensora de dereitos humanos en Brasil. A xuntanza terá lugar no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado ás 20:00 horas, con entrada libre e gratuíta.
Esta exposición, organizada por Amnistía Internacional, consta de 22 paneis nos que se ofrece un amplo abano de temas relacionados coa discriminación e violación dos dereitos humanos que sofren as mulleres en todo o mundo. Neles pode verse unha mostra da violencia contra as mulleres por parte das súas parellas ou ex parellas, os problemas que teñen as refuxiadas, a violencia por parte dos axentes do Estado ou o abuso dos seus corpos durante as guerras. Ademais, haberá un espazo destinado ás activistas, mulleres da política, do mundo sindical ou do mundo social e cultural, que destacaron e destacan polo seu labor en defensa dos dereitos humanos.
Con esta mostra Amnistía Internacional pretende resaltar a universalidade dos abusos dos dereitos humanos das mulleres, que coinciden na discriminación, á vez que se destaca o seu papel activo como axentes de cambio e defensoras dos dereitos. Na programación complementaria á exposición figuran encontros con defensoras de mulleres de Brasil e Colombia e a proxección de documentais relacionados co tema.
A mostra pode visitarse ata o mes de maio na Facultade de Administración e Dirección de Empresas en horario de 9:00 a 21:00 horas.