Pasar al contenido principal

Máis de 160 profesionais participan nas II Xornadas de Cuestións xurídico laborais e de Seguridade Social de actualidade

As xornadas, inauguradas este luns 21, prolongaranse ata o próximo mércores
As xornadas, inauguradas este luns 21, prolongaranse ata o próximo mércores
Prolongaranse ate o mércores no salón de actos da Escola de Relacións Laborais de Lugo

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, inaugurou este luns 21 a segunda edición das xornadas ‘Cuestións xurídico laborais e de Seguridade Social de actualidade’, que se celebran no Salón de Actos da Escola de Relacións Laborais do Campus de Lugo ata o día 23 organizadas polo Consello Galego de Relacións Laborais e a Escola luguesa.
Na inauguración destas xornadas participaron tamén a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro Rodríguez; o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández; o presidente da Fundación Campus, Alfredo Mosteirín; o delegado da Consellaría de Traballo, Miguel Vázquez Calvo; o vicepresidente primeiro da CEL, David Vilela, e a directora da Escola, Mercedes Montes.
O obxectivo destas xornadas é dar unha visión actualizada das novidades no complexo e cambiante mundo das relacións laborais utilizando para isto o intercambio de ideas e un debate sereno entre posicións distintas e ben fundamentadas.
O programa desenvolverase ata o mércores 23 en horario de 9:00 a 19:00 horas combinando mesas redondas con relatorios de especialistas. Abordarán durante estes días cuestións como o novo estatuto do traballador autónomo, a reforma operada na Seguridade Social no ano 2007, o impacto que está tendo a inmigración no mercado laboral ou o estado de saúde do diálogo social galego, entre outros moitos temas. As conferencias estarán a cargo dos profesionais máis punteiros da cátedra, da Inspección de Traballo, da xudicatura ou da Administración autonómica galega.
A celebración destas xornadas, aprobadas polo pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, teñen unha clara vocación de utilidade pública e están dirixidas especialmente aos alumnos da Escola de Relacións Laborais, da Facultade de Administración e dirección de Empresas e en xeral do campus de Lugo; ao colectivo de graduados sociais, aos axentes sociais galegos e a todos aqueles que teñen interese no funcionamento do mercado laboral galego e nas súas potencialidades e apostas de futuro.
Durante a inauguración deste encontro, os organizadores agradeceron o apoio prestado por parte das organización sociais para a súa celebración e lembraron que a Universidade é o mellor ámbito para facer “unha análise polo miúdo dos cambios operados nos sectores durante este continuo cambio”.
A vicerreitora adxunta subliñou que “este tipo de accións son de interese social para todos” e engadiu que “a formación non se limita só as clases, hai que chegar un pouco máis aló, como é o caso destas xornadas”.
Pola súa banda, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, fixo referencia aos cambios operados na normativa laboral nestes últimos catro anos aos que cualificou de transcendentes, “o que queda demostrado, xa que todos eles están recollidos no programa destas xornadas”, dixo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.04.2008.