Pasar al contenido principal

O catedrático Ortiz-Cañavate ofrece este venres na Escola Politécnica de Lugo unha charla sobre sociedades científicas

O catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Jaime Ortiz-Cañavate ofrece este venres 25, ás 11:00 horas, unha conferencia co título ‘As sociedades científicas no ámbito da Enxeñaría Agroforestal’. Este seminario de doutores, que se celebra na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior, enmárcase dentro das actividades do Programa de Doutoramento Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural, distinguido polo Ministerio de Educación e Ciencia.
Este relator está recoñecido como un dos expertos no funcionamento das Sociedades Científicas no campo da Enxeñaría Agroforestal pola súa experiencia como presidente da Sociedade Española de Agroenxeñaría (SEAgIng) e da European Society of Agricultural Engineers (EurAgEng).
Durante a súa charla abordará tamén o funcionamento da American Society of Agricultural and Biological Engineers (ASABE) e da International Commission of Agricultural Engineering (CIGR), das cales tamén forma parte.
O profesor Cañavate foi nomeado recentemente presidente da Comisión de Acreditación da ANECA para o corpo de Profesores Titulares de Universidade na gran área de Enxeñaría e Arquitectura e aproveitará a súa conferencia para comentar detalles do proceso de acreditación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.04.2008.