Pasar al contenido principal

Unhas xornadas debaterán sobre a presenza da muller na regulación xurídica privada

As xornadas ‘Cidadás e cidadáns: Forma e fondo das referencias de xénero no dereito privado’ congregarán na Facultade de Dereito este luns 28 e o martes 29 a expertas das universidades de Santiago, Vigo e da Autónoma de Barcelona, investigadoras do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, así como a representantes da Xunta de Galicia, da Agrupación de Avogadas de Santiago e do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo.
O obxectivo do encontro será fomentar a reflexión e o debate sobre a presenza da muller na regulación xurídica privada, xa que este ámbito resulta “fundamental para a superación da discriminación xurídica e social”, apuntan as promotoras da iniciativa. Así, ao longo das dúas sesións previstas abordaranse aspectos tan relevantes como a participación no tráfico xurídico, a familia ou a vida privada.
O curso, que dirixe a profesora Belén Trigo, permitirá situar as medidas lexislativas no seu contexto social polo que o conxunto das intervencións previstas, tanto en forma de conferencias como de mesa redonda, están formuladas dende unha perspectiva interdisciplinaria e práctica. Os alumnos de calquera das titulacións que se imparten na USC matriculados neste curso poderán validar a súa asistencia ao encontro por un crédito de libre configuración.
ProgramaA vicerreitora de Calidade, María Dolores Álvarez Pérez, presidirá o acto de inauguración destas xornadas, acompañada da directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, Ana Luisa Bouza Santiago. Deseguido. A sesión celebrarase a partir das 9:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Dereito.
‘As referencias de xénero no Dereito privado: cuestións de fondo’ será a conferencia que abra a quenda de intervencións, para proseguir coa profesora da USC Belén Trigo que realizará unha panorámica xeral e unha análise da evolución normativa neste eido. Xa a partir das 12:30 horas, a avogada Marta Vega Lorenzo e a profesora da Universidade de Vigo Iolanda Galanes serán as encargadas de falar sobre as referencias de xénero no Dereito privado e na linguaxe xurídica.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, a profesora de Dereito do Traballo Yolanda Maneiro pronunciará o relatorio titulado ‘Cuestións de xénero e Dereito do Traballo’, seguida da investigadora do IDEGA Yolanda Vázquez que tratará a discriminación salarial. A primeira xornada concluirá coa presenza da profesora de Dereito Procesal Raquel Castillejo para profundar nas normativas estatal e autonómica en materia de muller, igualdade e violencia de xénero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.04.2008.