Estudantes de Educación Secundaria rematan a súa estancia científica de verán na USC
Estudantes de ensinanza secundaria e bacharelato de España e Portugal despídense de Santiago logo de participar no programa Estancias Científicas de Verano (ESCIVE) co que se achegaron ao traballo cotián do investigador. A clausura celebrouse cun almorzo no Colexio de San Xerome ao que asistiron representantes da USC e o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato.
No acto, os estudantes lembraron anécdotas sucedidas na Universidade e amosaron “grande interese” pola ciencia. Por iso, Salustiano Mato afirmou que, con eles, “o futuro da investigación está garantido”.
Despois do encontro, o alumnado presentou na Residencia Universitaria Monte da Condesa os proxectos realizados en diferentes grupos de investigación da USC que levan por título ‘Iniciación á modelización matemática de fenómenos reais’, da Facultade de Matemáticas; ‘Coidemos a auga’, do Departamento de Enxeñaría Química; ‘Enerxías alternativas’ e ‘Introdución á electrónica das comunicacións’, do Departamento de Electrónica e Computación; ‘Influencia da atopia e dos niveis de IgE sérica coa gravidade da asma’ e ‘Encordo porque non durmo o suficiente?’ da Facultade de Medicina.
En concreto, a USC acolleu dúas quendas de trinta estudantes durante dez días cada unha que comezaron o 6 e o 16 de xullo, respectivamente. Ademais da participación en tarefas de investigación, o ESCIVE organizou para os alumnos actividades de ocio, culturais e deportivas así como diferentes visitas.
ESCIVEESCIVE, que este ano celebrou a súa segunda edición, pretende impulsar o contacto dos mozos e mozas co traballo de investigadores de varias institucións científicas do Estado e de Portugal. Despois de que en 2007 participara a Universidade Autónoma de Madrid, este ano sumouse á iniciativa a USC. A Consellaría de Innovación e Industria tamén colaborou no programa.
A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e a Axencia Nacional para a Cultura Científica e Tecnolóxica (Ciencia Viva) de Portugal organizaron o Programa ESCIVE durante o mes de xullo cun total de 88 rapaces en 2088 laboratorios e centros de investigación dos dous países. As cidades de acollida foron Madrid, Santiago, Lisboa, Oporto, Faro, Aveiro e Coimbra.
As estancias buscaron transmitir aos estudantes a experiencia científica directa, así como os valores e metodoloxía da investigación, resaltando aspectos como a experiencia en laboratorios, a aprendizaxe de busca de información, a capacidade de innovación e a creatividade ou a comunicación de experiencias sempre facendo incidencia na potenciación do traballo de equipo.