As tres universidades galegas colaborarán na renovación tecnolóxica das instalacións da Compañía da Radio Televisión de Galicia

Os reitores das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, Senén Barro, Alberto Gago e Xosé Mª Barja, respectivamente; o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; a presidenta do padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ánxela Bugallo; o secretario xeral de Comunidade da Xunta de Galicia, Fernando Salgado; e o director xeral da CRTVTG, Benigno Sánchez, asinaron este martes 29 un convenio de colaboración para a renovación tecnolóxica das instalacións da Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e das súas sociedades, Televisión de Galicia e Radiotelevisión Galicia.
O obxecto deste convenio é favorecer a dixitalización dos medios de comunicación públicos de Galicia, así como daqueloutros organismos da Xunta de Galicia que dispoñen de importantes fondos audiovisuais por dixitalizar. A CRTVG e as súas sociedades comprométense a permitir a utilización da plataforma tecnolóxica resultado do proceso de dixitalización, para acometer proxectos conxuntos de innovación, investigación e desenvolvemento de interese para os asinantes deste convenio.
Deste xeito, as tres Universidades galegas colaborarán nos procesos de formación e actualización tecnolóxica do persoal da CRTVG vinculado ao proceso de dixitalización, así como a contribuír á formación de consorcios de I+D+I e participar na realización de proxectos específicos relacionados coa dixitalización da CRTVG e as súas sociedades.
Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, participará nas tarefas de dixitalización e arquivo do patrimonio audiovisual da CRTVG a través do Centro Multimedia de Galicia e do Centro Galego de Artes da Imaxe colaborando no desenvolvemento e implantación de ferramentas que faciliten o control de calidade das emisións televisivas, así como a mellora da súa rendibilidade, tanto económica como social.
Ademais, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia porá a disposición do proxecto o espazo físico da Fundación para a organización de eventos de cara á súa difusión e presentación ante instancias españolas ou europeas, coa finalidade de acadar financiamento ou difusión para o proxecto e os seus participantes.
Finalmente, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Innovación e Industria mediante a colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT) e a Plataforma Tecnolóxica das TIC, dará soporte de I+D+I en tecnoloxías avanzadas de busca e personalización de contidos, así como en tecnoloxías de xeración, transporte, distribución e difusión de contidos dixitais, colaborando na súa implantación.