Pasar al contenido principal

Os profesionais da comunicación homenaxearon ao debuxante Siro pola súa longa traxectoria como humorista gráfico

A homenaxe a Siro celebrouse na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC
A homenaxe a Siro celebrouse na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC

Profesionais da comunicación e compañeiros de traballo homenaxearon ao debuxante galego Siro pola súa longa traxectoria como humorista gráfico. O acto, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Universidade de Santiago, tivo lugar este xoves 24 na Facultade de Ciencias da Comunicación.
O decano do CPXG, Xosé Manuel Vega Gómez, abriu o encontro que continuou coa actuación da cantante Manuela. Deseguido, interviñeron o director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela Conde; o colaborador do mesmo diario, Xosé Luis Barreiro Rivas; os xornalistas Bieito Rubido e Xulia Díaz, e o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Miguel Túñez. Como peche, os humoristas gráficos de La Voz de Galicia, Pinto & Chinto, entregaron un agasallo ao homenaxeado.
Siro López LorenzoSiro López Lorenzo naceu en 1943 na cidade de Ferrol e, en 1970, mostrou os primeiros debuxos de humor na revista Chan, que dirixía Borobó. Logo, colaborou no Ferrol Diario, El Ideal Gallego e publicou O tío de Xurxo, primeiro curso de iniciación ao idioma galego que saíu na prensa escrita.
Máis tarde, en 1973, Siro López creou con Carlos Casares a publicación Con esta lupa sobre política internacional en galego. Logo, empezou a traballar en El Norte de Galicia e, dende 1985, pertence á redacción de La Voz de Galicia, xornal no que trata diariamente a caricatura da vida política galega. Ademais, debuxou para revistas como Teima, Encrucillada, Grial, Almas del nueve largo, Diario 16 e Diario de León.
Realizou numerosos albumes, ilustrou varios libros, escribiu ensaios e tamén obras didácticas. Por outra banda, atreveuse coa narrativa e o teatro con Hai que confiar na esperanza. Foi galardoado con diversos premios como o Merlín, en dúas ocasións, e traballou como locutor e guionista de diferentes programas radiofónicos e televisivos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.01.2008.