Pasar al contenido principal

Investigadores en Filosofía de varias universidades españolas debaten na USC sobre as súas achegas

De esquerda a dereita, Concepción Martínez, Oscar Horta, Xosé Ramón Mariño e Javier Barcia
De esquerda a dereita, Concepción Martínez, Oscar Horta, Xosé Ramón Mariño e Javier Barcia

Un total de trinta e oito investigadores en Filosofía de varias universidades españolas expoñen as súas achegas ata este xoves 24 no transcurso da ‘II Xuntanza de Novas/os Investigadoras/es en Filosofía’. O encontro comezou este mércores, día 23, na Facultade de Filosofía da USC cun acto ao que asistiron os profesores Concepción Martínez Vidal e Xosé Ramón Mariño Ferro xunto cos organizadores da reunión, Óscar Horta e Javier Barcia.
Logo desta presentación, a xornada abriu co bloque de Filosofía Moral e Política no que se debateu a partir das 12:00 horas sobre laicismo e relixión, a representación do poder, os desaxeitados baleiros de sentido ou sobre delegación política, desigualdades económicas e risco moral.
Tamén ao mediodía, no bloque de Filosofía Continental e Historia da Filosofía, analizouse o pensamento salvaxe segundo varios autores, o Método e María Zambrano, o problema da identidade persoal cara unha resposta dende E. Stein e o carácter do home.
Na parte sobre Ética e Filosofía Política, tratarase a partir das 16:15 horas cuestións como a ética dende a psicanálise e a filosofía de Gilles Deleuza e Félix Guattari. Ao mesmo tempo, o centro acolle dúas charlas sobre a fin da filosofía e o tránsito de Kant a Fichte no apartado sobre Metafísica.
Xa, ás 17:30 horas, a ecoloxía e produción de subxectividade, os fundamentos do pensamento ecoloxista e a introdución dos orixes históricos desta corrente son as cuestións a analizar dentro do bloque Ética e Política Medioambiental. No eido da Estética, os investigadores discuten sobre deshumanización da arte, construción do suxeito en tempos de precariedade e xogos da linguaxe.
Despois, a partir das 19:30 horas, no tocante á Bioética, abordarase o valor de cada vida ou o custo de oportunidade e igualitarismo e, no apartado de Filosofía Social e o Problema do Nihilismo, falarase sobre a autores como Nietzsche ou Horkheimer.
O encontro, organizado polos Departamentos de Lóxica e Filosofía Moral e Filosofía e Antropoloxía Filosófica da USC, continuará este xoves 24 profundando sobre información contemporánea, mulleres inmigrantes, lendas da cultura popular, recoñecemento do outro, relación entre ciencia e filosofía ou o papel racional contra o papel causal da experiencia, entre outras moitas cuestións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.01.2008.