Pasar al contenido principal

A USC e o Colexio de Avogados de Lugo inician unhas charlas de actualización para profesionais

A Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio Provincial de Avogados de Lugo inician este xoves 3 as primeiras Xornadas de Actualización Xurídico Profesional, que consistirán nunha serie de charlas de especialistas que se desenvolverán na sede do Colexio ás 19:00 horas dirixidas a profesionais pero abertas a todo o público.
Estas xornadas organízanse ao amparo do convenio firmado entre as dúas entidades no mes de setembro do ano pasado para fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral dentro das áreas nas que se solicite por parte dos profesionais.
A primeira destas charlas terá lugar este xoves a cargo do profesor de Dereito Administrativo Luís Míguez Macho sobre ‘O control da legalidade urbanística en Galiza’. O segundo relatorio, que será o día 30 deste mes, estará a cargo do mesmo profesor co título ‘A responsabilidade patrimonial da Administración; especial referencia á responsabilidade dos Concellos’.
O xoves 29 de maio o profesor de Dereito Procesual Bernardino J. Varela Gómez falará da prescrición de delictos na xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo.
Antes dos meses de descanso de verán celebrarase, o día 26 de xuño, unha nova conferencia, a cargo do profesor de Dereito Penal Fernando Vázquez-Portomeñe co título ‘O Dereito Penal ambiental: a protección penal do medio ambiente, o patrimonio histórico e a ordenación do territorio’. O ciclo rematará o 25 de setembro falando de ‘O Dereito Penal e as novas tecnoloxías’ a cargo de Santiago Brage Cendán, que é profesor de Dereito Penal.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.04.2008.