Últimos días para facer a matrícula no monográfico de 'Músicas para a escola' do programa cultural do campus de Lugo
A Vicerreitoría de Cultura da USC pecha o venres día 11 o prazo de inscrición para participar no curso monográfico ‘Músicas para a escola: músicas contemporáneas e pedagoxía de creación musical’, que se desenvolverá a partir do día 18 de xaneiro en Lugo en catro xornadas.
Este monográfico está destinado a mestres en activo, profesores de música en xeral e estudantes universitarios, especialmente para diplomaturas de Educación.
Os relatorios estarán a cargo de Antonio Alcázar, profesor da Universidade de Castilla La Mancha, e de Edson Zamprona, compositor e profesor da Universidade de Sao Paulo. O primeiro intervirá os días 18 e 19 e o segundo o 25 e 26. O horario das clases será os venres de 9:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:00 horas e os sábados só pola mañá co mesmo horario.
A clases terán lugar no salón de actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado e para o mesmo existen cen prazas. A matrícula ten un custe de 25 euros para os membros da comunidade universitaria e de 45 para os demais.
Os interesados en participar no curso poden obter máis información e realizar a súa matrícula na Oficina de Cultura do campus lugués, na praza Pío XII, ou chamando ao número de teléfono 982 285 900 na extensión 21513.