O Instituto de Medicina Legal da USC analiza as probas de ADN que dirimirán o 'caso Enmanuel'
O Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, que dirixe o catedrático Ángel Carracedo, está a analizar as mostras de ADN recollidas en Colombia para determinar se Juan José David Gómez Tapiero, o neno que se atopa nun centro de protección de Bogotá, é Enmanuel, o fillo da secuestrada polas FARC en 2002 e ex candidata á vicepresidencia do Goberno colombiano, Clara Rojas.
Segundo os responsables do laboratorio universitario compostelán os traballos de análise estarán rematados nesta semana. O profesor Carracedo, considerando que Colombia ten “bos laboratorios xenéticos forenses”, asegura que a Universidade de Santiago conta cun laboratorio moi especializado neste tipo de probas, cuestión da que se fixeron eco estes días multitude de medios de comunicación nacionais e internacionais.
O Instituto de Medicina Legal da USCO Instituto de Medicina Legal da USC realiza probas de paternidade, criminalística biolóxica, identificación humana e investigación en xenética forense dende 1978 e, como subliña a prensa especializada, está considerado como un dos laboratorios máis prestixiosos neste eido.
En xeral, os seus obxectivos principais son a investigación científica no eido das Ciencias Forenses, a docencia e actividades de asesoramento técnico ás Administracións de Xustiza. Para iso, dispón de dous laboratorios na Facultade de Medicina e na Fundación Pública de Medicina Xenómica do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Ademais, conta cos recursos estruturais e técnicos necesarios para a realización de estudos xenéticos de máximo nivel.
Os análises forenses da mochila de Vallecas dos atentados do 11-M, o asasinato das nenas de Alcásser ou o suicidio do tetrapléxico Ramón Sampedro, entre outros casos destacados, realizáronse neste Instituto de Medicina Legal.