Pasar al contenido principal

O grao de implantación das TIC nas universidades, criterio destacado polos estudantes á hora de elixir universidade

O dato forma parte dos resultados da cuarta enquisa sobre o uso que os estudantes da USC fan das TIC

O 43 por cento dos estudantes consultados pola USC consideran que o grao de implantación das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) nas universidades é un criterio destacado a valorar no momento de elixir a institución na que cursar os seus estudos superiores. Este dato forma parte da cuarta enquisa sobre o uso que os estudantes da USC fan das TIC e que o reitor Senén Barro presentou este mércores 9 no Colexio de Fonseca acompañado do director da Área TIC, Javier Franco; de Juan José de Santiago, Francisco Salgueiro e Gerardo Lodeiro, de Vodafone; e por Francisco Domínguez da Fundación Caixa Galicia, empresas colaboradoras na enquisa.
O estudo permite comprobar en qué medida se están a cumprir as liñas estratéxicas que a USC fixou en materia de TIC ao tempo que se converte nun instrumento de seguimento e control das accións que neste eido se realizan orientadas ao estudantado. Neste senso, os alumnos foron interrogados sobre equipamento e conectividade, usos de Internet, telefonía móbil, redes e servizos ofrecidos pola USC, coñecementos e formación dos alumnos ou sobre a percepción que teñen das TIC, entre outros temas.
Da enquisa despréndese que ano tras ano, os estudantes lle conceden maior importancia ás TIC para a súa inserción no mercado de traballo galego. Seguindo coa percepción que os universitarios teñen da Sociedade da Información, os responsables universitarios resaltan que 5 de cada 10 enquisados non coñezan o significado da fenda dixital.
Conexión á redeDo total dos enquisados o 49% dispón de conexión a internet no seu domicilio de residencia, o que supón un incremento de oito puntos con respecto aos mesmos datos do ano pasado. A este dato hai que engadir que o 67% dos estudantes que se conectan á rede dende a USC o fai dende as Aulas de Informática dos centros. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, os estudantes da Universidade compostelá que se conectan a Internet representarían o 43% do total de usuarios no conxunto de Galicia.
A da Universidade de Santiago é a primeira rede wi-fi de Galicia en canto ao número de usuarios e unhas das primeiras do estado español, pasando das 734 altas rexistradas en decembro de 2004 ás actuais 11.419.
Como xa vén sucedendo con campañas anteriores, a institución docente compostelá segue a ser a universidade española que máis solicitudes tramita dentro das campañas para a adquisición de equipos informáticos con conectividade sen fíos entre os seus estudantes. Así, o pasado curso entregáronse 896 portátiles, o que representa o 20% do total de equipos xestionadas en toda España.
Campus VirtualA USC dispón dende o curso 2003-2004 do Campus Virtual, espazo de apoio e complemento da súa formación presencial que ten experimentado nos últimos anos un destacado incremento tanto no número de materias como no de alumnos subscritos. No primeiro caso pasouse das 202 materiais ofertadas ás 745 do curso pasado, cun 269% de incremento. Do mesmo xeito, en 2006-2007 matriculáronse 16.754 estudantes fronte aos 5.682 do ano inicial.
Entrega de premiosNo mesmo acto fíxose entrega dos premios aos agraciados no sorteo realizado entre os estudantes que responderon á enquisa. Deste xeito, os dous ordenadores portátiles con modem USB de conexión de alta velocidade recaeron en Pablo Ventoso Osorio e María Asuleica Morales Rodríguez e os cinco móbiles de última xeración en Nerea Elisa Brizzola Andreini, Romina Fernández López, Alba Atenea Leirachá Amado, Manuel Zumalave Freire e en José Vilar López.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.01.2008.