Un seminario internacional sobre goberno corporativo pechará a programación do III Curso de Integración Europea, Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas
O Goberno Corporativo será o tema que centre este xoves 8 e o venres 9 un seminario internacional encadrado no programa do III Curso de Integración Europea, Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas que organizan a Área de Dereito Mercantil e o Centro de Documentación Europea.
No seu desenvolvemento, no Salón de Graos da Facultade de Dereito, participan expertos europeos que tratarán aspectos diversos sobre a regulación da xestión das grandes empresas en Europa. O director do Instituto de Dereito dos Negocios na Universidade de Aarhus, Jur. Karsten Engsig Sørensen, abrirá o xoves 8 ás 16:30 horas a quenda de intervención disertando sobre a relevancia da transparencia para a boa xestión. Seguiralle, a presidenta do Consello Nórdico de Goberno Corporativo, a catedrática da mesma universidade Mette Neville, que analizará diversos aspectos relativos ao bo goberno das pequenas e medianas empresas.
O profesor Emilio Díaz Ruiz, socio da Firma xurídica Uría Menendez, centrarase a continuación no papel dos inversores institucionais sobre o bo goberno empresarial, mentres que a profesora da Universidade de Coimbra Elisabete Ramos realizará un repaso sobre os deberes fiduciarios dos administradores sociais.
As xornadas clausuraranse o venre 9, a partir das 11:15 horas, da man do profesor Klaus Hopt, director do Max Plank Institute de Hamburgo, e de Juan Fernandez Armesto, ex presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores.