Pasar al contenido principal

A USC participa na celebración do Día do Emprendedor o 15 de maio no CEI-NODUS

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo participou na presentación dos actos xunto a responsables do Concello, CEL, Cámara de Comercio e AJE
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo participou na presentación dos actos xunto a responsables do Concello, CEL, Cámara de Comercio e AJE

A terceira edición do Día do Emprendedor se celebrará o día 15 de maio no Centro de Empresas e Innovación de Lugo-NODUS, organizado polo Concello e Lugo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Confederación de Empresarios de Lugo, a Cámara de Comercio e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE). Así o anunciou a concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.
O programa que se presentou para este ano combina distintas actividades e relatorios que darán comezo ás 9:30 coa sucesiva intervención de emprendedoras e emprendedores de éxito baixo o título xenérico de ‘Quero ser emprendedor: cóntame a túa historia’.
Estarán presentes nesta primeira actividade Guillermo Martínez, xerente de Casa Grande de Xanceda; Nuria Varela Portas de Orduña, xerente de Pazo de Vilane; Sergio Horacio Quiroga Rivero, xerente de Ecocelta; David Calvo Fernández, xerente de Alabaja.com; Iago Soto Mata, socio fundador de Quobis Networks, S.L., e Jorge Sierra, socio fundador de Hoopshype.com. Será moderadora María Ángeles López Cabarcos, profesora do departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC e directora da Aula TIC-Pemes.
Ás 12:30 comezará a segunda intervención, a cargo do presidente executivo de Blusens, José Ramón García, un dos emprendedores galegos máis versátiles no sector das novas tecnoloxías.
Xa pola tarde, o programa inclúe un relatorio sobre as mulleres emprendedoras, co nome ‘O espertar das emprendedoras’, a cargo de Loreto Fernández, profesora da Área de Economía Financeira e Contabilidade e directora da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora. Tamén intervirán Eva López Barrio, directora de Woman Emprende da USC, Yohanna Lemos González promotora de Inbiogal, S.L. e Ana Castro López, promotora de Casa de Baixo.
Ás 18:30 comeza a conferencia ‘A variña do éxito empresarial’, da man de José Luis Briones Ramos, Director Xeral de Alquimia Emprendedora, S.L. Unha hora máis tarde será a clausura cun recoñecemento á primeira promoción emprendedora saínte do viveiro de empresas CEI-NODUS.
Este ano as distintas institucións que apoian a iniciativa, organizan conxuntamente esta xornada, polo que na presentación, a cargo da concelleira, estivo presente tamén o vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero, que subliñou a importancia de traballar en equipo para apoiar o emprendemento. Engadiu tamén que a USC ten postos moitos esforzos no apoio a estas iniciativas, xa que “hai más de 40 empresas creadas co apoio da Universidade”, e que “Lugo ten algo que chama aos emprendedores, xa que moitos estudantes doutros lugares escolleron esta cidade para formar a súa empresa”.
No acto de presentación estiveron tamén presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla; o vicepresidente da Cámara de Comercio, Eduardo Núñez Torrón, e o vicepresidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo, Rubén López.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2008.