Pasar al contenido principal

O sexto número da revista Quintana trata a provocación e a transgresión na arte

A provocación e a transgresión na arte é a cuestión xeral sobre a que xira o sexto número de Quintana, Revista de Estudos do Departamento de Historia da Arte da USC que dirixe a profesoraMaría Luisa Sobrino. O volume presentouse este xoves na Facultade de Xeografía e Historia coa participación da profesora Sobrino, a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o vicedecano da Facultade, Miguel Taín; e o profesor de Arte da USC Juan Monterroso.
Neste novo número téntase arroxar luz sobre o cuestionamento dos límites establecidos polas representacións artísticas nun momento no que as reducións dos discursos e posicionamentos dentro dos marcos do correcto ou da intolerancia “semellan estar a producir, ás veces, un empobrecemento da capacidade crítica da arte”, sinala a directora no editorial da revista. Reivindicando o carácter científico e de investigación da publicación, María Luisa Sobrino destacou deste novo número o controvertido do seu contido, no que se tratan dous temas fundamentais como son o erotismo e a violencia.
“A nosa imaxe de cara ao exterior”. Así definía o profesor Monterroso a revista Quintana, na mesma liña que o profesor Taín, para quen é un “proxecto editorial vivo” que supón “a mellor carta de presentación” do Departamento de Arte compostelán cara á sociedade”.
Palabras de eloxio tamén por parte do presidente da Deputación da Coruña para a revista, “única nas súas características” e “fiel expoñente da inquedanza científica do espírito universitario”. Ademais de cualificala de “referente” entre as súas publicacións análogas, para Fernández Moreda con Quintana ábrese un espazo de reflexión “para forxar o pensamento crítico”.
Pola súa banda, a vicerreitora Alonso destacou a súa singularidade pola magnífica calidade, orixinalidade e enfoque dos seus contidos. “Pero é sobre todo exemplar”, apuntou, por ser unha revista dun único Departamento universitario, “capaz de consensuar os distintos enfoques e sensibilidades que sempre existen nestas unidades”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.05.2008.