Pasar al contenido principal

O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC repartiu 22.000 euros entre as seis empresas innovadoras premiadas nesta edición

O acto de entrega de premios estivo presido polo reitor compostelán Senén Barro
O acto de entrega de premios estivo presido polo reitor compostelán Senén Barro

A comercialización de produtos e servizos baseados na tecnoloxía Fividoc, software de seguridade documental, será a principal área de negocio da empresa Bit Oceans, merecedora do primeiro premio do VIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, dotado con 9.000 euros. Os galardóns entregáronse este mércores no Colexio de San Xerome nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro.
O segundo premio do concurso, cunha dotación de 5.000 euros, recaeu na empresa Xenotech Laboratorios, mentres que o terceiro, con 2.000 euros, foi para Paralaxe. Na modalidade de Empresa Xove, o xurado decidiu recoñecer a proposta de IDM Maquinaria Automatizada, mentres que na categoría Muller Emprendedora o proxecto premiado foi INBIOGAL, e na de Proxecto Medioambiental, SONEN. Estes tres últimos recibiron 2.000 euros cadanseu.
Na acto de entrega participaron tamén os vicerreitores de Investigación e Innovación e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, María José Alonso e José M. Mayán, respectivamente; o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande; o subdirector xeral de Apoio á Contratación e Emprendedores da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, Jorge Barros de la Peña; e o xerente de Unixest, Gustavo Marcos.
Bit OceansSegundo sinalan os seus promotores, os profesores da Universidade de Vigo Fernando Pérez González e Óscar W. Márquez e o investigador Alberto Malvado, a tecnoloxía comercializada por Bit Oceans será a solución ao problema da falsificación documental, evitando tanto a xeración de documentos falsos como a alteración do seu contido mediante técnicas manuais e informatizadas.
O software Fividoc emprega unicamente impresoras e escáneres convencionais para localizar e sinalar as alteracións fraudulentas realizadas sobre o contido dos documentos ao tempo que permite a protección global do contido, con independencia da súa natureza. Esta tecnoloxía permitirá ademais a obtención telemática de documentación oficial, documentos de identificación, compulsa dixital, verificación automática de documentación e a xestión interna de documentación.
Como segunda área de negocio de Bit Oceans figura a seguridade dixital, eido no que desenvolverán solucións software a medida baseadas en protocolos e servizos da Infraestrutura de Clave Pública (PKI) nos que se apoian os actuais sistemas de sinatura dixital.
XenotechO proxecto destacado co segundo premio do concurso aborda a creación dunha Empresa de Base Tecnolóxica que proporcionará á industria alimentaria e ao consumidor as ferramentas necesarias para garantir a calidade e seguridade dos produtos comercializados e consumidos.
Xenotech procurará a prestación dun servizo integral de análise, consultaría de calidade e seguridade alimentaria e medioambiental, con especial atención no sector pesqueiro. Entre os seus obxectivos figura a implantación de metodoloxías emerxentes baseadas na análise do ADN que, segundo sinalan, “minoren sensiblemente os tempos de análise e melloren a precisión dos resultados obtidos”. O equipo promotor deste proxecto está formado por catro doutores en Bioloxía e Química e outro investigador do eido biolóxico, que constituirán dende un primeiro momento o cadro de persoal da empresa.
ParalaxeA empresa Paralaxe Multimedia and Virtual System, terceiro premiado do concurso, é unha proposta de investigadores do Laboratorio de Sistemas da USC que traballarán na produción e comercialización de produtos multimedia e de realidade virtual empregando procesos innovadores que acheguen un grao de flexibilidade e rapidez superior á media do sector.
O traballo articularase ao redor dunha web colaborativa que permite ofrecer mellores prazos de desenvolvemento dos proxectos así como uns custes moi competitivos, “ao favorecer a reutilización do coñecemento xerado en proxectos anteriores”, sinalan os seus promotores. Impulsan este proxecto os profesores de Electrónica e Computación José Manuel Cotos Yáñez e Julián Flores González e os investigadores do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC Ramón Martín Calderero e Vanesa Sobadrelo.
IDM Maquinaria AutomatizadaNa modalidade de Empresa Xove, o premio foi para IDM Maquinaria Automatizada proxecto que ten como obxectivo a investigación, deseño industrial e desenvolvemento de novas máquinas e metodoloxías de produción que permitan automatizar tarefas de confección e acabado final en empresas que teñan como materia prima mármore, granito, pedra e novos materiais como o Silestone.
A aplicación destas técnicas de traballo permitirá aos profesionais mellorar a produtividade, a competitividade e a eficiencia, así como obter un produto final e acabado de maior calidade e idéntico en todas as pezas. O equipo promotor intégrano o enxeñeiro técnico industrial da Universidade de Vigo Pablo Iglesias Noya e o delineante e técnico superior en Administración de Sistemas Informáticos, Agustín García.
InbiogalInbiogal, Innovación Biológica de Galicia, foi o proxecto seleccionado como merecedor do premio na modalidade Muller Emprendedora. A empresa estará constituída por catorce membros do grupo de investigación Biomarcadores Moleculares (BB1) do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo e por un investigador do Departamento de Bioquímica da USC.
Os membros do grupo levan traballando dende o ano 1990 na busca de marcadores bioquímicos que puidesen ser de utilidade na diagnose precoz, seguimento, prognóstico e predición de resposta a tratamento en doentes con diversos tipo de cancro. Este labor reportoulles a obtención de seis patentes susceptibles da ser explotadas e cun elevado potencial no ámbito sanitario.
SONENO gañador no apartado Proxecto Medioambiental recaeu en SONEN, Centro de Acústica e Servizos de Telecomunicacións, empresa xa constituída a finais de 2007 por tres enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións e instalada no Parque Tecnolóxico de Galicia.
SONEN ten como fin principal o asesoramento e a consultaría no campo das telecomunicacións e da acústica aplicada tanto para empresas privadas, como para a administración e os particulares. Neste senso proporcionarán servizos e solucións de confort tanto no control de ruído ou sonorización como en sistemas de telecomunicación e domótica, ademais da creación dun departamento de I+D+i propio nun futuro próximo.
O concursoEste concurso, unha iniciativa do programa de fomento da cultural emprendedora na USC Uniemprende, ten como obxectivo impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados ou investigadores universitarios, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.05.2008.