Pasar al contenido principal

A Facultade de Matemáticas da USC recibiu a visita da conselleira de Educación para coñecer as particularidades da posta en marcha das novas titulacións de grao e posgrao

A conselleira reuniuse con alumnos e profesores dos graos e posgraos actualmente en marcha na Facultade de Matemáticas
A conselleira reuniuse con alumnos e profesores dos graos e posgraos actualmente en marcha na Facultade de Matemáticas

A Facultade de Matemáticas da USC foi o centro escollido pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, para coñecer polo miúdo as particularidades da elaboración, aprobación e implantación dos novos título de grao e posgrao dende o punto de vista dos responsables da súa organización, do profesorado e do alumnado. Deste xeito, a conselleira realizou unha visita ao centro coincidindo ademais coa clausura dos actos de celebración do 50 aniversario da Licenciatura en Matemáticas e do 30 aniversario da creación da Facultade.
A de Santiago é unha das tres facultades de Matemáticas de España que oferta este curso 2008-09 o Grao en Matemáticas, titulación adaptada á normativa europea. Con 80 alumnos matriculados no 1º curso, consolídase a recuperación experimentada nos últimos anos en canto ao número de novos alumnos, situándose entre as seis Facultades de Matemáticas do país en estudantes de nova matrícula.
En canto á formación de posgrao oficial, este centro compostelán oferta dous másters oficiais, de Enxeñaría Matemática e de Técnicas Estatísticas, os dous de carácter profesional e interuniversitario. A partir do curso próximo engadiráselle ademais o Máster en Matemáticas, de carácter académico-investigador. Os tres forman parte de programas de doutoramento con mención de calidade outorgada polo Ministerio de Ciencia e Innovación. En conxunto, esta oferta académica converte á Facultade compostelá nun dos centros galegos que máis ten avanzado na implantación de títulos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior.
A visita institucional comezou cunha sesión de videoconferencia na que a conselleira, acompañado polo decano do centro Juan Viaño, intercambiou opinións con alumnos e profesores dos dous másters oficiais que se imparten no centro compostelán. Continuou cunha xuntanza con alumnos de primeiro ano do Grao para logo manter un encontro co equipo docente na Sala de Xuntas da Facultade.
As matemáticas na USCActualmente, son 90 os profesores e investigadores da Facultade repartidos en cinco Departamentos que imparten docencia nas titulacións de Matemáticas, Bioloxía, Farmacia, Física, Medicina, Química, Relacións Laborais, Enxeñaría Química, Enxeñaría Informática de Sistemas e óptica e Optometría. Ademais, con 27.000 volumes, 300 revistas e acceso electrónico a máis de 500, a biblioteca deste centro está considerada como unha das mellores de España.
Nestes 50 anos, son mais de 2.500 os licenciados saídos das aulas da Facultade e un total de 210 doutores, dos que exactamente un terzo son mulleres. Muller tamén é a autora da primeira tese lida na sección, no ano 1963.
Se ben a docencia nos niveis de secundaria foi a saída, case exclusiva, dos titulados en Matemáticas ata principios dos noventa, nos últimos cinco anos este campo só absorbe o 45% dos licenciados galegos, en tanto que o resto fano nos ámbitos da empresa e laboratorios de I+D. Ademais, os estudos de inserción laboral realizados nos últimos anos pola Facultade, pola Axencia Galega de Calidade do SUG e pola Real Sociedade Matemática Española conclúen que a incorporación destes titulados ao mercado laboral é un proceso moi rápido, xa que despois de dous anos o índice de desemprego é só do 5%. Ademais, o 52% obtén un emprego estable en menos de 6 meses e en dous anos a porcentaxe alcanza o 80,9%.
Coincidindo co 50 aniversario destes estudos na USC, Galicia foi elixida como unha das catro sedes do Instituto Español de Matemáticas (IEMath) creado polo Ministerio de Ciencia e Innovación como unha dás accións estratéxicas do Plan Nacional de Matemáticas. A elección realizouse en competencia con outras ofertas de distintas comunidades autónomas en base a unha proposta avalada economicamente pola Dirección Xeral de I+D+i, co apoio de máis de 70 institucións de investigación de toda Galicia e unha proposta científica dun equipo promotor de dez matemáticos das tres universidades de Galicia. Trátase polo tanto, segundo o decano do centro, dun recoñecemento explícito do prestixio colectivo de toda a matemática galega, que suporá un salto cualitativo de enorme importancia, propiciando un aumento de 80 investigadores de diversas categorías, e unha interacción con outras disciplinas científicas e co sector produtivo.
Ao longo deste primeiros cincuenta anos de vida, foron outorgados dous doutoramentos honoris causa propostos pola Facultade, en 1989 ao matemático francés J.L. Lions, chamado “pai da matemática aplicada”, e en 2008 ao probabilista alemán W. Stute.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.11.2008.