Pasar al contenido principal

A Biblioteca 2.0 introdúcese nas universidades galegas da man de Bugalicia

O Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, Bugalicia, introdúcese nas aplicacións, ferramentas e recursos que proporciona a coñecida como web 2.0 ou ‘web social’ co obxectivo de poder trasladar os seus beneficios e potencialidades a toda a comunidade universitaria, a través da creación da futura biblioteca 2.0. Este instrumento fará posible a renovación dos servizos de información bibliotecaria a través de plataformas que estimulen a participación dos usuarios e permitan a xestión de contornos colaborativos, así como sacar partido das ferramentas tecnolóxicas dispoñibles na rede. Todo isto estudarase nas xornadas ‘Web 2.0 e Bibliotecas en Bugalicia’ que terán lugar os vindeiros 20 e 21 de novembro na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago.
O aproveitamento das ideas e aplicacións da web 2.0 no ámbito dos servizos que presta Bugalicia ao Sistema Universitario de Galicia significa que toda a comunidade universitaria se valerá dun servizo bibliotecario que promove a participación activa dos usuarios. Eles mesmos serán creadores de contidos, podendo elaborar as súas propias reseñas de libros; intervir nos servizos de recomendación, asignando descritores a materiais (fotos, vídeo, texto) e contribuíndo ao deseño dunha bibliografía compartida, entre outras moitas opcións, de xeito que se lle entrega ao usuario parte do control, da liberdade, da capacidade de interactuar, fomentar e aproveitar a intelixencia colectiva.
As redes sociais nas bibliotecas universitariasAs xornadas ‘Web 2.0 e bibliotecas en Bugalicia’, destinadas ao persoal bibliotecario das universidades galegas, profundarán no coñecemento, uso, aplicación e implementación das redes sociais na súa propia biblioteca, é dicir, daqueles servizos que, no marco da web social, permiten aos individuos crear un perfil público, ou semi-público dentro de plataformas en liña, a través da cal é posible comunicarse de diversos xeitos.
Facebook é o grande éxito na creación das redes de servizos sociais destinado aos estudantes universitarios e proporciona pistas sobre como as bibliotecas académicas poden aplicar os servizos da web 2.0 nos seus organismos. Os seus usuarios non só crean perfís persoais, tamén poden alentar a subir fotos e etiquetas, comentar os perfís doutros usuarios, crear grupos e xestionar invitacións e eventos.
Ademais de redes sociais de uso persoal, entre as que figura Facebook, tamén se atopan MySpace, Orkut ou Friendster. As xornadas tamén explorarán aquelas redes sociais cun perfil máis profesional como LinkedIn, Xing ou Neurona.
Blogs, Microblogging, wikis, sindicación de contados, Flirckr ou YouTubeAs xornadas afondarán no estudo e aplicacións dos blogs e o microblogging como unha das mellores ferramentas para establecer unha relación entre os usuarios e as bibliotecas, así como entre os propios profesionais. O Proxecto de EStudo da web 2.0 para Bugalicia destaca as seguintes aplicacións do microblogging, dos blogs e de todas as súas variantes: a facilidade para publicar novidades e novas; a creación de grupos de discusión sobre libros e lecturas; a realización de web-bibliografías ou recomendacións de recursos; os servizos de alerta e DSI, ou o acceso a arquivos coma unha visita guiada pola biblioteca, a lectura do capítulo dun libro, a entrevista a un investigador, entre outros, en diferente formato. Twiter, a icona do microblogging, podería permitir ás bibliotecas publicar pequenas informacións prácticas na web institucional ao tempo que os usuarios a reciben por sms, en tempo real, como cambios de horarios, novidades nos fondos, avisos, comunicación interna de empregos e, ao mesmo tempo, poderíase recibir o feedback inmediato dos nosos usuarios.
O encontro explorará tamén instrumentos como os “wikis”, sitios web levados adiante grazas ao esforzo colectivo, onde os usuarios poden crear, editar, borrar ou modificar contidos de forma fácil e rápida, que dentro do Consorcio poden ser empregadas como ferramenta profesional para o intercambio de experiencias e como recurso enciclopédico nunha área profesional.
Un dos piares da famosa web 2.0 é a confianza no saber colectivo para describir e clasificar a información mediante etiquetas (tags ou verbas clave) de maneira que axuden a calquera a recuperar información de interese. Aquí entran en xogo os marcadores sociais, como Delicious, cuxa aplicación nas bilbliotecas serve para simplificar as listas de distribución de bibliografía e documentos en xeral; elaborar servizos de ligazóns recomendados, onde os usuarios poden engadir os seus, compartir os papers ou webs dunha investigación; manter series de recursos especializados para usuarios con temas de investigación comúns.
Finalmente, programas para compartir obxectos dixitais como YouTube ou Flickr engloban os sete conceptos dos servizos web 2.0, xa que permiten aos usuarios aloxar, organizar, compartir e comentar as fotos. O máis destacado é a posibilidade de etiquetar as imaxes e categorizalas para máis tarde recuperalas por diferentes puntos de acceso.
Máis ideas 2.0 para as bibliotecasAs plataformas móbiles revélanse como unha das achegas máis útiles da web 2.0 ás bibliotecas. A mensaxería instantánea e o chat configúranse como ferramentas que renovan e amplían a oferta do servizo tradicional das bibliotecas e xa están xa implementados en seis bibliotecas da Universidade de Sevilla.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2008.