Dereito imparte a primeira edición do curso de especialista en Seguridade Social
Maxistrados, inspectores de traballo, especialistas universitarios e de entidades xestoras conforman o cadro docente do primeiro curso de especialista en Seguridade Social que se impartirá na Facultade de Dereito entre xaneiro e xuño de 2009.
As persoas interesadas xa poden realizar a súa preinscrición ata o vindeiro día 5 de decembro, para posteriormente formalizar a matrícula entre o 8 de decembro e o 13 de xaneiro. As clases impartiranse os xoves e venres en horario de tarde, de 16:00 a 21:00 horas.
O programa docente do curso articúlase ao redor de dez bloques temáticos nos que se prestará atención á evolución histórica e fontes do sistema da Seguridade Social (SS), ámbito de aplicación e xestión da SS, ámbitos de encadramento e réxime económico ou prestacións do réxime xeral e dos réximes especiais. Tamén analizaranse outros temas como as prestacións non contributivas, a seguridade social complementaria, a tutela administrativa e xudicial ou a normativa comunitaria e convenios internacionais relativos á SS.
Este posgrao, primeiro destas características que se imparte en Santiago, conta coa colaboración do Instituto Nacional da Seguridade Social, Instituto Social da Mariña e da Tesourería Xeral da Seguridade Social.