Pasar al contenido principal

Robert Hare, referente mundial no estudo da psicoloxía dos psicópatas criminais, intervén nunhas xornadas na USC

O profesor Robert Hare, da Universidade canadense British Columbia, participará este xoves 20 na Facultade de Psicoloxía nunha xornada sobre ‘Prevención do delito a partir da detección do risco’ que organizan conxuntamente a Asociación Camiña Social e a Unidade de Investigación en Prevención e Tratamento de Problemas de Conduta (Udipre) do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC.
O profesor Hare é o máximo experto mundial no estudo da psicoloxía dos psicópatas criminais, responsable dun método para o seu diagnóstico que alcanzou o máximo nivel de recoñecemento da comunidade científica, o PCL (Psychopathy Checklist). Dedicou gran parte da súa vida ao estudo da psicopatía e neste momento a súa obra é referencia ineludible na investigación sobre detección e predición da violencia criminal no eido mundial.
“Hoxe temos unha boa radiografía do carácter dos psicópatas grazas ao traballo do profesor Hare”, explicou nun encontro cos medios de comunicación o catedrático de Psicoloxía Criminal, Jorge Sobral, quen marcou como fito fundamental no traballo do profesor canadense a demostración de que o cerebro dos psicópatas é distinto ao de “quen nunca o podería ser”. A este respecto, Hare mostrouse convencido de que nas psicopatías a compoñente xenética é fundamental, se ben tamén inflúen outros factores de tipo social e educativo.
Para o profesor Hare o psicópata é un “idiota emocional” que se expresa na máis absoluta insensibilidade e incapacidade para comprender a alteridade. Nas súas teorías móstraos como persoas incapacitadas para o remordemento e o sentimento de culpa. E para o seu diagnóstico, explicou, o principal problema é que eles mesmos non se conciben como alguén patolóxico, ademais de ser a tendencia á mentira “unha característica principal da súa personalidade”. Subliñou tamén a importancia da intervención na infancia–liña na que está a estudar a USC-. “É moi difícil tratar a psicopatía nun adulto”, explicou.
Estudos realizados no Reino Unido e en Estados Unidos permiten falar de que o un por cento da poboación “podería ser psicópata”, o que non supón “que teña que manifestarse violentamente”, advertiu.
XornadasNa xornada ‘Prevención do delito a partir da detección do risco’, no que o profesor Hare impartirá ás 10:00 horas a conferencia ‘Psicopatía e predición do risco’, trátase de dar a coñecer o traballo de investigación que se está levando a cabo sobre a avaliación do risco en menores infractores internados nos centros xestionados pola Asociación Camiña Social.
Así, logo da inauguración e da conferencia de Robert Hare, ás 12:00 horas intervirá a catedrática de Psicoloxía Clínica da USC e directora de Udipre, Ángeles Luengo, co relatorio ‘Avaliación do risco en menores infractores: implicacións para o tratamento’.
A xornada complétase cunha mesa redonda sobre a xestión do risco na que, a partir das 17:30 horas, participarán Jorge Sobral; o director do Centro Penitenciario Monterroso, Víctor Fraga; a psicóloga do Centro Penitenciario de Bonxe, Demelsa María Cabeza; e o coordinador técnico da Asociación Camiña Social.
Estudo da USCA visita do profesor canadense á USC supón o inicio dunha estreita colaboración co grupo Udipre, que xunto con Camiña Social están a realizar un estudo co obxecto de elaborar protocolos para avaliar o risco en menores. Co estudo, realizado a partir de entrevistas aos menores dos centros Concepción Arenal da Coruña e Monteledo de Ourense, búscase investigar acerca das posibilidades de reincidir na delincuencia, analizar as característica destes mozos e así, a partir de aí, decidir a estratexia a seguir.
A directora do estudo, a profesora Ángeles Luengo, explicou que o sesenta por cento dos entrevistados neses dous centros son reincidentes, “de aí a necesidade de establecer instrumentos que sirvan para planificar solucións”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2008.