Pasar al contenido principal

A ministra de Ciencia e Innovación inaugura este xoves na USC o I Emporium Woman Emprende

Potenciar a participación da muller no emprendemento universitario é o eixo central do I Emporium Woman Emprende 2008 que este xoves 23 inaugurará ás 13:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, acompañada do reitor da USC, Senén Barro, e da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón.
As sesións deste encontro, organizado pola universidade compostelá a través do programa Uniemprende, centraranse nos procedementos e metodoloxías de traballo que incrementen no futuro o número de vocacións empresariais femininas, dun xeito acorde coas cuotas de participación das mulleres nas Universidades.
Rede Woman EmprendeAo longo da última década, desde a USC creáronse unha serie de estruturas e desenvolvéronse actividades de relevancia no ámbito da creación de empresas de orixe universitaria. Así, creouse Woman Emprende para dar un impulso e apoiar ás mulleres emprendedoras da comunidade universitaria. É precisamente dende esta estrutura que agora bota a andar a Rede Woman Emprende como foro de encontro estatal para potenciar a participación da muller no emprendemento universitario español e europeo.
A rede presentarase na primeira das sesións do Emporium, este xoves ás 10:15 horas, que xira en torno aos programas pioneiros no emprendemento feminino e no que intervirán expertos das Universidades Politécnicas de Cataluña e de Valencia e da propia USC. Será neste panel onde Eva López Barrio presentará a Rede Woman Emprende que pon en marcha a institución compostelá.
Tamén previo ao acto oficial de inauguración desenvolverase outra sesión na que participarán mulleres referentes en emprendemento feminino na Universidade española. En concreto, interveñen Tatiana López, da spin-off da USC Nanogap sub-nm-powder; Sara Otero, de Radiantis, S.L., spin-off da Politécnica de Cataluña; e María José Paloma, de Titania, xurdida na Politécnica de Valencia.
Por outra banda, no ámbito deste encontro formarase o Fondo Woman Emprende de Capital Risco, específico para o emprendemento feminino.
Redes de colaboraciónPara o establecemento de redes de colaboración entre universidades e institucións, as mesas de debate profundarán ademais na responsabilidade social das mesmas facendo fincapé en criterios de produción sostible, o respecto ao contorno, o medio ambiente ou a creación de lugares de traballo confortables sen esquecer o beneficio económico.
Outro dos temas a abordar é a conciliación da vida laboral, persoal e familiar nas spin-offs universitarias porque é frecuente que este tipo de empresas estean promovidas por xente nova, con proxectos persoais e profesionais ao mesmo tempo.
O emprendemento feminino internacional, as mulleres ao fronte das universidades ou o sistema financeiro e responsabilidade social son outros tres aspectos a estudar durante as xornadas nas que participarán as reitoras das Universidades de Málaga, Illes Balears, Girona e Sao Paulo ou expertas de Suecia e Chile, entre outros moitos especialistas no eido.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2008.