O xuíz do Tribunal Europeo de Dereito Humanos, Luis López Guerra, abre o calendario académico da Escola de Práctica Xurídica da USC
A apertura do curso académico 2008-2009 da Escola de Práctica Xurídica da USC celebrarase este luns 27 nunha sesión na que xuíz no Tribunal Europeo de Dereito Humanos, Luis López Guerra, pronunciará a conferencia inaugural do novo período lectivo. A intervención versará sobre ‘A xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos: últimas tendencias e importancia da súa aplicación nos procesos seguidos ante órganos xudiciais españois’.
Luís López Guerra, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Carlos III de Madrid, tamén foi secretario de Estado de Xustiza, vicepresidente do Tribunal Constitucional, vicepresidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, e deputado da Asemblea de Madrid.
Esta sesión celebrarase no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 20:15 horas coa asistencia do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló; do director da Escola, Lotario Vilaboy; do catedrático de Dereito Constitucional, Roberto Blanco Valdés; e do decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira.
Ao acto está prevista a asistencia de destacadas autoridades políticas, xudiciais e académicas da comunidade autónoma, así como unha nutrida representación da avogacía e procuradoría galega e compostelá, ademais dos alumnos das dúas promocións que se atopan actualmente cursando os estudos de especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica que imparte a Escola.
A EscolaA Escola de Práctica Xurídica é unha institución dependente da USC e dos Colexios de Avogados e de Procuradores orientado á formación práctica dos licenciados en Dereito con intención de exercer profesionalmente a avogacía ou a procuradoría e á súa formación continua posterior. Trátase da escola desta disciplina máis veterana de Galicia e unha das máis prestixiosas de todo o Estado, ata o punto de que o su modelo de colaboración con outras institucións foi o escollido polo lexislador español na Lei reguladora do acceso ás profesións de avogado e de procurador.