Pasar al contenido principal

Inaugurada na EPS a primeira edición do curso de especialización en Deseño e Cálculo de Estruturas de Madeira

Participan no mesmo un total de 30 titulados

Un grupo 30 titulados universitarios de primeiro e segundo ciclo de carreiras técnicas de Enxeñaría e Arquitectura deron comezo esta tarde as clases da primeira edición do Título de Especialista Universitario en Deseño e Cálculo de Estruturas de Madeira da USC, promovido polo catedrático de Cálculo de Estruturas da Escola Politécnica Superior de Lugo Manuel Guaita Fernández.
Este é o primeiro ano deste novo curso de especialización, que se desenvolverá na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e que deu comezo cun acto inaugural na Sala de Xuntas da EPS presidido polo vicerreitor de Infraestruturas da USC, Xoán Carlos Carreira. Nesta sesión de apertura participaron tamén representantes das distintas entidades patrocinadoras, entre os que figuran o secretario xeral da Confederación Española de Empresarios da Madeira, Francisco Pons; os delegados provinciais das consellarías de Industria e Innovación, Vivenda e Solo e Medio Rural, Ramón Cortés, Cosme Eladio Pombo e Emilio López; o director de CIS-Madeira, Francisco Pedras, e Ricardo López representando ao Clúster da Madeira, ademais do propio director do curso.
O obxectivo deste curso é formar a especialistas nos aspectos de cálculo e deseño de estruturas de madeira para a edificación tanto arquitectónica como rural e para proxectos de obra civil. Este curso organízase pola necesidade que xurdiu tras a aprobación do último Código Técnico da Edificación, no que rexurde con forza a madeira como material básico para a construción, polo seu carácter ecolóxico e eficiente dende o punto de vista enerxético e medio ambiental. A madeira é un sumidoiro de CO2, produto reciclable e natural, polo que resulta un material adecuado sempre que a súa explotación se xestione adecuadamente e con sustentabilidade.
A falta de especialistas no cálculo de estruturas de madeira foi posto de manifesto pola Plataforma Tecnolóxica da Madeira de Galicia en datas recentes, polo que a iniciativa do profesor Manuel Guaita foi avalada tanto polos organismos propios do sector como pola Xunta de Galicia. O título foi promovido por este catedrático de Cálculo de Estruturas como membro do Grupo de Investigación ‘Unidade de Xestión Forestal Sostible’ e que pertence ao Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC.
O curso de especialización, que se iniciou esta tarde, prolongarase ata o 3 de abril con clases os venres pola tarde e os sábados pola mañá nas aulas de teoría ou de informática da Escola Politécnica. Ademais, se realizarán visitas neste horario a organismos, industrias e exemplos construtivos de interese. Serán un total de 20 créditos, dos que 15 serán presenciais e o resto corresponderanse coa realización do proxecto fin de título.
O cadro docente do curso fórmano 40 persoas, todas elas profesores e profesionais do ámbito da madeira estrutural. Aproximadamente un 25% pertence á USC, mentres que o restante 75% son externos, entre os que se atopan representantes das universidades de Vigo, A Coruña, Politécnica de Madrid, Córdoba, Valladolid; centros tecnolóxicos e de investigación como o CIS-Madeira, INIA, Instituto de Ciencias da Construción Eduardo Torroja, AITIM, SERIDA, e profesorado pertencente a empresas do sector.
A avaliación do curso consistirá en probas tipo test e a valoración dun proxecto fin de título. Como complemento, o mellor dos proxectos de deseño e cálculo de estruturas de madeira de cada promoción recibirá o Premio CIS-Madeira, que terá unha dotación económica de 800 euros. Así mesmo se premiarán con dos accésits de 400 e 250 euros aos dous seguintes mellores traballos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2008.