Pasar al contenido principal

O congreso 'Galicia pola radio' comeza este xoves en Santiago

Organizado pola Facultade de Ciencias da Comunicación co patrocinio da Fundación Caixa Galicia e a Xunta

“Escoiteino pola radio”. Que galego non pronunciou algunha vez estas palabras! Esta frase é o punto de partida e reflexión para a proxecto ‘Galicia pola radio. Desde os anos trinta á actualidade’, co que se conmemorarán os tres cuartos de século de emisións radiofónicas regulares nesta comunidade.
Con este motivo, este xoves 6 comeza un congreso que repasará a súa historia e que se celebrará na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago ata o venres para rematar o sábado no centro sociocultural da Fundación Caixa Galicia (rúa Carreira do Conde).
O acto de apertura, que terá lugar as 10:00 horas no auditorio da Facultade, contará coa presenza do director de Acción Sociocultural de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias; o director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel Xosé Fernández Iglesias; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé López García; e o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Miguel Túñez.
No congreso, centrado principalmente na radio de programación convencional, participarán máis de trinta profesionais, todos eles cunha longa traxectoria en distintos ámbitos, emisoras e cadeas de Galicia. No seu conxunto, representan á case totalidade das cadeas xeneralistas de radio nesta comunidade e a emisoras hoxe desaparecidas. Tamén se contará na primeira xornada coa presenza de colabores históricos da radio, como os galeguistas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo, que viviron nos anos trinta a posta en marcha das primeiras emisoras e colaboraron nelas. Pousa Antelo, que segue realizando unha sección diaria na Radio Galega, é aos seus 94 anos o decano da radio en Galicia.
Na xornada do xoves farase un percorrido cronolóxico polas distintas etapas da radio en Galicia desde os anos trinta ata finais dos noventa. Xa o venres trataranse noutras táboas redondas aspectos de referencia como a información, o idioma, a radiodifusión local e alternativa, e a radio galega no exterior.
O patrimonio sonoro galegoNa última xornada do Congreso, o sábado 8, desenvolverase unha táboa redonda destinada á documentación para analizar o estado do patrimonio sonoro galego. O sociólogo e, ao longo de moitos anos, documentalista de RNE en Galicia Pedro Díaz; a documentalista do Consello da Cultura Cristina Pujales; o xornalista Arturo Maneiro, e o experto en documentación de radio Arturo González Guerra serán os relatores desta sesión, na que actuará como moderador o xefe do Gabinete de Comunicación da USC, Luís Celeiro.
As xornadas complétanse cunha conferencia inaugural, a cargo do catedrático de Comunicación da USC, Xosé Soengas, e outra de clausura pronunciada polo tamén profesor da USC e experto en radio, Xosé Ramón Pousa. O congreso ofrecerá como punto final unha conferencia especial sobre as últimas décadas da radio en España a cargo de Luis del Olmo, actualmente en Punto Radio, pero que traballou en cadeas tan diversas como RNE, COPE e Onda Cero. As intervencións presentaranas profesores da USC e profesionais como Tareixa Navaza.
O comité científico do congreso conta con históricos da radio galega como Víctor F. Freixanes e Xosé María G. Palmeiro. A coordinación do congreso realízana os xornalistas Mónica Rebolo e Manuel Rodríguez.
O proxecto Galicia pola radio conta co patrocinio da Fundación Caixa Galicia e a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta, coa achega técnica e o asesoramento da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago e a colaboración do Consello da Cultura Galega.
Unha exposiciónO proxecto ‘Galicia pola radio’ continuará o ano que vén cunha exposición que se abrirá en febreiro na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago (rúa do Vilar, 19). ‘O son da radio en Galicia’, para o que se está a facer un labor de localización e recuperación, será o fío condutor da mostra, dividida en cinco grandes seccións cronolóxico-temáticas. Nestas, a través de materiais históricos procedente de emisoras, profesionais e coleccionistas, e de contidos complementarios diversos –fotografía, documentos, bibliografía, etc.-, amosarase o máis característico da radio que se fixo nesta comunidade desde os seus inicios. Haberá tamén, entre outros contidos, un espazo dedicado ao Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, que conta con notables fondos radiofónicos.
Malia que unha parte moi significativa da programación que se emite é de ámbito español, ‘Galicia pola radio’ amosará o devir deste proceso a través das iniciativas e contidos propios que desde os inicios elaboraron as emisoras desta comunidade autónoma.
O proxecto ‘Galicia pola radio’ quere homenaxear a un medio esencial de comunicación, pouco recoñecido como obxecto histórico ata o de agora nesta comunidade, e reavivar a memoria persoal e sentimental -tamén a reflexión- dos galegos na súa relación con el. Amosará así mesmo a relevancia e a singularidade da radio, poñendo en valor o seu patrimonio sonoro, que tamén forma parte da historia galega do s. XX.
Desde os anos trintaA radio en Galicia naceu un día de xaneiro de 1933 en Santiago de Compostela, anunciada como un medio da modernidade para a cultura e a identidade propias. A primeira emisora foi a actual Radio Galicia (SER). Nos dous anos seguintes xurdiron outras, hoxe vinculadas á SER, na meirande parte das cidades. Durante os anos corenta e cincuenta apareceron RNE na Coruña e varias emisoras ligadas ao réxime franquista. Os sesenta iniciáronse coas emisoras parroquiais e continuaron co nacemento de Radio Popular (actual COPE), as primeiras FM e a radio musical.
A finais dos setenta, rematado o franquismo, naceu, tras varios e relevantes intentos anteriores, a actual radio informativa galega; e nos oitenta, as novas emisoras e cadeas autonómicas e de alcance estatal (Ondas Galicia, Radio Noroeste, Radio Galega, Radio 4, Onda Cero, Antena 3, Radio Voz, etc). A meirande parte delas continúan activas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.11.2008.