Pasar al contenido principal

Bota a andar a primeira edición do Curso de Lingua e Camiño de Santiago

É unha iniciativa promovida por Cursos Internacionais da USC en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo

A primeira edición do Curso de Lingua e Camiño de Santiago arranca a súa programación o vindeiro luns, día 6, organizada por Cursos Internacionais da USC en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e o Xacobeo. A inauguración terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas ás 10:00 horas. Estarán presentes o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, a xerente de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud, e o coordinador do curso, o profesor José M. Andrade Cernadas, que estarán acompañados polos docentes da USC que impartirán as clases.
Esta primeira edición contará con 15 participantes procedentes do Brasil, na súa meirande parte de Río de Xaneiro e Porto Alegre. A idade media destes estudantes é de 55 anos cun perfil socio-cultural alto. Proveñen de diferentes eidos profesionais, entre os que se atopan cirurxáns, profesores universitarios, enxeñeiros, mestres, escritores e mesmo unha das responsables do festival Rock in Río. Todos eles están vinculados a asociacións brasileiras do Camiño de Santiago ademais de ter sido peregrinos a Compostela.
O programa académico desenvolverase do 6 ao 24 do presente mes. Durante as dúas primeiras semanas os participantes asistirán na propia Universidade a clases de lingua e a seminarios sobre o Camiño de Santiago, co obxectivo de achegarse á historia e realidade desta ruta milenaria dende puntos de vista tan variados como o histórico, o artístico, o gastronómico e o cultural. Polas tardes realizarán visitas guiadas á Catedral, á cidade histórica e ao Patrimonio da USC, ademais de realizar un percorrido gastronómico ou participar en tertulias con xornalistas e escritores, entre outras.
Durante a última semana, os participantes poderán levar a práctica os seus coñecementos sobre o Camiño, percorrendo xunto cun profesor da USC o tramo do Camiño Francés que parte desde o Cebreiro. Culminará o curso coa chegada dos participantes a Praza do Obradoiro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2008.