Pasar al contenido principal

O Master en Economía Pesqueira mantén aberta en outubro a matrícula

Durante todo este mes de outubro está aberta a matrícula no Master en Economía Pesqueira que dará comezo no mes de novembro e se alongará por dous anos. Este posgrao xurde da necesidade de ampliar os coñecementos do curso de especialización na mesma materia que dende hai once anos se imparte na USC.
Foron estes estudos pioneiros no seu xénero que naceron da idea de considerar ao sector pesqueiro, dentro do conxunto da actividade produtiva, como un sector con capacidade de crecemento demostrada. A xeración de renda, arrastre económico, capacidade exportadora e mesmo carácter estratéxico, facían necesaria a súa consideración específica como obxecto de tratamento científico económico.
Os contidos do curso de especialización tratáronse desde unha perspectiva interdisciplinar, contando sempre con preto de setenta docentes especialistas na materia das Universidades de Santiago, A Coruña, Barcelona, Complutense de Madrid, Sevilla ou Oviedo, así como expertos da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do Instituto Tecnológico Pesquero y Alimentario, IEO, da Dirección Xeral de Pesca da Unión Europea, e profesionais e executivos de empresas, asociacións ou institucións pesqueiras.
Xa coa experiencia acumulada, e á vista de que a materia impartida era cada vez maior, a directora do Equipo de Investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais e tamén directora do curso, María do Carme García-Negro, decidiu simultanear o curso de especialización de 25 créditos e un ano de duración, con este máster de 50 créditos.
Para a inscrición neste posgrao e necesario estar en posesión do título de licenciado ou diplomado en Económicas, Políticas, Dereito, ADE, Bioloxía, Ciencias do Mar, Ambientais, Enxeñeiría de Portos e outras afíns ao sector.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2008.