Investigadores da Universidade desvelarán datos sobre a incidencia real do autismo en Galicia
O grupo de investigación da Unidade de Atención Temperá (UAT) da USC está a traballar nun estudo epidemiolóxico dos trastornos do espectro autista coa intención de dar coas necesidades reais de apoio educativo e social destas persoas dunha forma eficaz e económica.
Trátase dun traballo pioneiro en Galicia que servirá, ademais de para analizar a incidencia desta poboación, para identificar o seu perfil psicoeducacional e coñecer a súa situación e necesidades reais.
Controversias sobre as súas causasDebido aos seus déficits na interacción social, comunicación e a ter un patrón de condutas, intereses e actividades restrinxidos, repetitivos e limitados, a comunidade científica aínda amosa as súas controversias con respecto ás causas do autismo, afirman os responsables do estudo.
Actualmente, e segundo os datos que manexan na UAT, a mellor estimación dispoñible sobre a prevalencia deste tipo de trastornos do espectro autista de 60/10.000 é “sorprendente sobre todo cando procede de estudos con métodos mellorados”, explica a profesora María José Buceta. É por iso polo que os profesionais da Unidade decidiron emprender este estudo, que levarán a cabo coa axuda de centros específicos, colexios públicos e privados que ofrecen os seus servizos a persoas con autismo.
Evitar diagnósticos erróneosÁ vez, e para evitar diagnósticos erróneos a unha idade temperá, a UAT porá en marcha un estudo comparativo entre nenos diagnosticados de trastorno específico da linguaxe e os de trastorno do espectro autista coa intención de delimitar as características de desenvolvemento temperán en cada un dos casos e mellorar o proceso de intervención con todas estas persoas.
Ambos estudos terán continuidade o vindeiro ano, no Congreso sobre a Infancia que, en exclusiva para profesionais, terá lugar os días 30 de abril, 1 y 2 de maio de 2009.